El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Cerca de 20.000 visitantes e 362 cabalos nunha feira da Ascensión multitudinaria

Mareas de xente no recinto feiral de Amio // Medra o valor das reses e aumenta a participación nos concursos, cun gran éxito do espectáculo ecuestre // Recuperado despois de 30 anos o Gran Premio Trofeo Santiagueiro de Percheróns

Un percherón nun dos concursos celebrados na Feira cabalar da Ascensión, este xoves no recinto feiral de Amio - FOTO: ESTEBAN DE LA IGLESIA
Ver galerías (3)
Un percherón nun dos concursos celebrados na Feira cabalar da Ascensión, este xoves no recinto feiral de Amio - FOTO: ESTEBAN DE LA IGLESIA

SANTIAGO. REDACCIÓN WEB  | 25.05.2017 
A- A+

O recinto feiral de Amio estivo este xoves colapsado. A feira cabalar é un dos pratos fortes da Ascensión e cumpriu as expectativas ao congregar unha multitude de persoas con intereses distintos pero con todas as miradas postas nos cabalos. Non había un oco para colocar o coche nin no aparcadoiro nin nas vías próximas do polígono de Costa Vella. Mareas de xente entraban e saían do recinto nun fluxo constante para ver os animais, para compralos ou para vendelos. O ano pasado, segundo Carmen Méndez, que realiza os labores de xerente, rexistráronse aproximadamente 15.000 persoas, e nesta edición as estimacións achéganse aos 20.000 asistentes. Tamén no ámbito profesional as cifras superaron ás do pasado exercicio, cun incremento de case un 20% no número de reses e cun valor superior en euros, xa que subiron os prezos medios.

Os que acudiron este xoves a Amio disfrutaron observando un gran número de cabalos, dos concursos e especialmente do colofón da feira, o gran espectáculo ecuestre ofrecido polo Club de Volteo de Burgos e a compañía Hermanos Borjas, coa participación especial da Asociación Pura Raza Cabalo Galego. Como sempre, entrada libre e gratuíta e moita xente observando as elegantes e sorprendentes evolucións dos animais e dos xinetes.

O tempo foi excelente, con altas temperaturas, ata as dúas da tarde, cando se desatou unha treboada con aparello eléctrico e chuvia que pouco mal fixo agás poñer algo nerviosos a algúns animais.

A participación nos concursos ampliouse en relación ao 2015, con máis cabalos e xinetes. Rondou o medio centenar de inscritos, repartidos nas modalidades de cabalos e eguas cruzados, pura raza galega, e no recuperado este ano do Gran Premio Trofeo Santiagueiro de Percheróns, cabalos grandes de tiro, que volve despois de 30 anos de ausencia na feira. Este trofeo foi para Narón, para unha egua marabillosa de nome Mora, da gandeiría Fonticoba.

Hai que salientar que se fixo a presentación oficial en Galicia do cabalo Bajarí IV, propiedade de Jacobo Pérez Paz. O animal procede da Real Escuela Andaluza Ecuestre. "É un cabalo artista, unha figura en aires elevados", comentaba o propio Jacobo Pérez, que se amosou orgulloso de presentalo na Ascensión en doma de alta escola.

No aspecto económico, xa o pasado ano o valor das reses que concorreron ao recinto de Amio superou ao de 2015. Este ano volveu rexistrarse un incremento, con 362 reses fronte as 302 do 2016, que supón un incremento de preto do 20%. O valor do total do gando equino aumentou nun 13% ao ascender a 522.625 euros (463.440 euros no 2016 e 365.528 en 2015).

CONCURSOS

O concurso morfolóxico na sección de semantais foi gañado por 'Caramuxo', de Fandiño Vázquez (Ferrol), e pola egua 'Tamega', da gandeiría Freire Abad (Oza-Cesuras). 

En categoría de cruzad@s, os vencedores foron 'Caprichoso', de Patiño Goillán (Vilagarcía), e 'Marquesa', da gandeiría Martín Ortigueira (Teo).