O BNG de Santiago vai levar ó vindeiro pleno municipal unha iniciativa na que demanda a rebaixa da peaxe da AP-9 e un sistema de bonificacións como o que existe noutras autoestradas do Estado. Confía en que PP e PSOE a apoien. En Radio Obradoiro, o seu portavoz cualificaba a última suba, do 7,5 por cento, de "totalmente desproporcionada". Ademais, e en opinión de Rubén Cela, "non está xustificada a respecto do servizo que presta Audasa", a empresa concesionaria. Neste sentido, fixo referencia "ó mal estado do firme no tramo gratuito do periférico en Santiago, as retencións nas peaxes as fins de semana, a escasa iluminación nalgúns puntos ou a excesiva vexetación nas beiras da calzada".
Cela sostén que os máis perxudicados polo incremento da peaxe van ser "os transportistas e os traballadores que teñen que empregar a autoestrada a diario". Segundo dixo, para unha persoa que se desprace diariamente dende Santiago á cidade da Coruña ou a Pontevedra, o desembolso mensual, so en peaxes, é de "entre 150 e 200 euros". Todo isto sen ter en conta que en setembro, e debido á suba do IVE, volverá aumentar o prezo. De feito, facer pola AP-9 o traxecto entre A Coruña e Vigo custará 2 euros máis, e ir dende Compostela á cidade herculina suporá un desembolso de 6,05 euros.
Para o concelleiro nacionalista, "Audasa non botou ben as súas contas". No primeiro semestre do ano o número de usuarios da AP-9 xa baixou "un 15 por cento, e con estas novas subas o previsible é que baixe aínda máis no segundo semestre". En resume: no mellor dos casos para a concesionaria, irá o comido polo servido. Cela cre que a empresa "está expulsando a moita xente que empregaría a AP-9" se os prezos foran outros. "Ir por autoestrada _concluía Cela_ vai ser un luxo".
