Jueves 11.03.2010
|
Actualizado 16.37
Hemeroteca web
|
RSS
O Gran Dicionario Século 21 infórmanos de que a palabra civismo ten dúas acepcións. A primeira, celo polas institucións e os intereses da patria, o que, dito doutro xeito, é o coidado e preocupación polas cousas que afectan a ese ser colectivo ao que nos sentimos pertencer.
A segunda das acepcións resúmena os lexicógrafos con dous sinónimos: cortesía, urbanidade, ou sexa, conxunto de principios, cualidades positivas e pautas de comportamento que se considera deben marcar a nosa convivencia cos demais. É precisamente con relación a esta segunda acepción que hai un debate aberto sobre a vixencia de determinados valores cívicos entre a xente moza, en especial a partir da eclosión do botellón.
Son evidentes as eivas no comportamento dalgúns -obviamente, non de todos- sectores xuvenís. O consumo incontrolado de alcool, a xeración de ruídos nocturnos, a nula observancia de calquera norma de hixiene pública, o vandalismo, son manifestacións que xa viñan de atrás, mais que agora se revelan con máis claridade ao tratárense co botellón de fenómenos colectivizados.
Mais, con independencia da procedencia, herdada ou novidosa, o que é indiscutíbel é que estes comportamentos conculcan dereitos do resto dos cidadáns. Para alén das consecuencias negativas para eles mesmos, nomeadamente os efectos nocivos do alcool, cal é a concepción que teñen eses mozos e mozas dos dereitos dos demais? Do dereito ao descanso nocturno, do dereito a vivir nun entorno limpo, sen as bolsas, botellas rotas e vasos de plástico que aparecen ciscados nas beirarrúas e nos parques, do dereito a disfrutar do mobiliario urbano e das infraestruturas colectivas sen os deterioros vandálicos das noites de marcha? Dá a triste sensación de que se perdeu o sentido do público neses segmentos etarios. Algo falla na formación. Mais falla na casa ou no centro educativo?
As mudanzas sociolóxicas experimentadas nos últimos tempos reducen o período diario de convivencia entre os adultos e os máis novos no seo da familia. A dedicación profisional dos maiores e a complementación con actividades extracurriculares dos máis novos deixan cada vez menos tempo para ese contacto preciso na formación en determinados principios e pautas que teñen o marco tradicional de aprendizado no lar.
Pola súa banda, os centros educativos, pese a iren pouco a pouco asumindo o seu papel na conformación de valores e tamén de actitudes sociais, aínda seguen moi centrados na formación en contidos conceptuais que nesa outra educación que prepara a xente nova para a convivencia.
Familia e escola
Mais se ben a escola non pode ser substituída pola familia, tampouco a familia pode ser substituída pola escola. Determinados valores e actitudes son produto da confluencia formativa dos dous ámbitos de actuación, e un sen o outro quedan coxos nese labor.
En temas concretos, como o do consumo de alcool ou doutras drogas, no do respeito ao descanso dos demais, no da limpeza e coidado dos espazos públicos, todos os intervinientes no proceso formativo dos rapaces temos responsabilidade. Porque o civismo non é ningún concepto trasnoitado.