Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Ricardo Gurriarán, escritor e historiador

"Coa memoria histórica trátase de falar, sen necesidade de agredir a ninguén"

Á segunda edición de ‘Fernando Alsina e o seu Diario de Guerra’ incorporase o traballo gráfico de José Devesa Areosa, represaliado en agosto do 36 xunto ó alcalde compostelán Anxel Casal // Preséntase este mércores en Santiago

Ricardo Gurriarán publicou no outono de 2015 un libro sobre a figura dun doutor compostelán: 'Fernando Alsina e o seu Diario de Guerra' (Alvarellos Editora). Foi unha figura relevante e de gran importancia na sociedad galega e compostelana entre o anos 20 e 40 do século pasado. "Era un liberal, pero tivo un itinerario vital raro. Estivo comprometido con Estatuto de Galicia, coa súa profesión de cirurxián, coa cultura", explica o autor ao outro lado do teléfono. Pero cando estourou a guerra decidiu unirse ao bando sublevado. Prestou servizos durante os primeiros meses nas frontes de guerra. A súa historia vital serve para contextualizar unha época de extremos e de supervivencia.

Este mércores preséntase unha segunda edición na sede santiaguesa do colexio Oficial de Médicos. "Os principais contidos cos que ampliamos son as fotografías de José Devesa Areosa, que foi represaliado en agosto do 36 en Teo xunto ao alcalde Anxel Casal", explica. A incorporación deste material gráfico é froito das xestións de Gurriarán cos herdeiros. "É unha documentación que nunca antes se presentara. Como a obra parece que tivo gran interese animámonos a facer esta segunda edición".

Fernando Alsina foi un dos médicos máis destacados do seu tempo. Estaba en constante contacto coas últimas investigacións científicas. Fundou o Sanatorio San Lorenzo, na capital, e incluso foi alcalde da capital durante o ano 1929. "Foi unha personalidade controvertida. Por exemplo, curou a guerrileiros feridos de bala ou, xa tras acabar a guerra, opositou con 60 anos para consolidar o seu posto na administración", di Gurriarán.

A obra naceu cando se tivo acceso ao diario persoal do doutor e a multitude de documentación epistolar. "É un home que foi deixando pegadas documentais. Así fun capaz de reconstuir cen páxinas de súa vida. Cando o lés deixa abertas moitas incógnitas. Viuse, coma moitos outros, envolto nun remuíño de violencia". Para o autor a obtención dunha documentación orixinal supón un testimonio de primeira liña. "Por exemplo, cando narra os episodios de Sigüenza trasládanos a escenarios a testemuñas interesantísimas que non coñeciamos".

Cando se fala desta época é inevitable trasladarse ao debate da memoria histórica. Gurriarán cré que na actualidade non se explica ben aos máis cativos que pasou neste pais no conflito bélico do 36. "É compricado porque hai que contextualizalo moi ben. A memoria dos avós é importante. Penso que a lei de memoria histórica foi un primeiro paso, agora paralizado, pero é o principio". Para o escritor esta actividade de recuperación ten moito maior impulso a través dos netos e bisnetos das vítimas. "Son eles os queren saber, os que buscan as orixes e o que ocorreu". Móstrase convencido de que o tempo é a clave para curar estas feridas. "Trátase de sentarse a falar, de contar o que pasou, sen necesidade de agredir a ninguén. Simplemente, explicar como foron as cousas".

Gorriarán coincide cos estudosos que aseguran que non só houbo una conflito militar, senón un plan sistemático de eliminación e represión do rival político. "Cometéronse multitude de inxustizas e atrocidades. Hai quen considera que este proceso foi un xenocidio", di. Tamén houbo unha posguerra moi dura. "Desde o primeiro momento tratouse de limpar de oposición toda a estructura do estado. Foi unha actitude xeralizada, especialmente no sector da docencia", explica. "Hai unha estigmaticación e humillación dos que perderon a batalla. Organizáronse tribunais específicos e intrumentalizouse a xustiza e o sistema para acabar con toda forma de oposición", recalca. Ao mesmo tempo entende que é compricado sentar a todas as partes. "Son moitos anos aceptando unha historia que nos narraron, pero a verdadeira é moito máis crú, e non é doado asimilalo", reflexiona.

Este mércores
A segunda edición de esta obra presentaráse este mércores 11 ás 20 horas na sede do Colexio Provincial de Médicos en Santiago (San Pedro Mezonzo, 39). Contará coa participación do alcalde de Santiago, Martiño Noriega; do presidente do Colexio Provincial de Médicos da Coruña, Luciano Vidán, do autor Ricardo Gurriarán e do editor Henrique Alvarellos.

O autor

Ricardo Gurriarán (O Barco de Valdeorras, 1953) é doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago. Especialista na guerra civil española, na memoria histórica e no exilio, obtivo en 2007 o Premio da Crítica coa publicación da súa monumental obra Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1936). Tamén foi galardoado co Premio Tertuliano Hervella pola biografía de seu pai, o médico Gonzalo Gurriarán Gurriarán (1904-1975), represaliado na guerra civil. É autor así mesmo de Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968 (2010), entre outros traballos. Comisario de exposicións, forma parte de equipos de investigación da USC e da Fundación 10 de Marzo, onde é director da área de Historia. En 2015 recibiu o Premio Peña Novo «polo seu traballo pedagóxico e o seu labor de investigación na procura da reconstrución da memoria colectiva».

10 ene 2017 / 20:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito