Jueves 25.09.2008
Hemeroteca web
|
RSS
A xente de a pe, especialmente a mais nova, quizais precise hoxe de unha clarificación, para ter seguridade da persoa á que nos referimos. Trátase da Virxe María. Cando lle aplicamos eses dous títulos xuntos, queremos significar que, xa no momento da súa concepción, estaba sen mancha, inmaculada. Este é o motivo polo que a algunhas nenas lle poñen de nome Inmaculada ou tamén Concepción. Co primeiro cualificativo queremos salientar a limpeza de María no ámbito moral, o que nos leva a chamarlle tamén Purísima, e ás rapazas que levan ese nome chamalas Pura. No que atingue ás que oficialmente se chaman Concepción témo-la tendencia a referirnos a elas usando o apelativo Concha. Cando nos ven á mente a palabra Purísima, ademais de lembrarnos da Virxe María, non podemos menos que recordar os cadros que nos deixaron como testemuño de fe e de elegancia pictórica os nosos Bartolomé Murillo, ou mesmo José Ribera.
A festa do día 8 de decembro celébrase na Igrexa con rango de solemnidade. Desde o ano 1854 a condición da Virxe María de ser inmaculada desde a súa concepción, é patrimonio da fe da Igrexa. O Papa beato Pío IX puxo por escrito na Encíclica O Inefable Deus que a Virxe María foi preservada do pecado orixinal, desde o primeiro instante da súa concepción, por unha especial graza de Deus, en previsión dos méritos de seu fillo. Por este motivo, o teólogo Sofronio dixera no século VII que soamente ela fora prepurificada. A condición da Virxe María como inmaculada é algo que cren e manifestan os escritores eclesiásticos dos primeiros tempos da Igrexa; pero ademais é común ós fieis cristiáns. O razoamento parte da consideración na que todos temos á nosa nai. Se calquera de nós puidera facer á nai a mais fermosa e digna do mundo, non deixaría de facela dese xeito. E o Señor, que aturaría calquera enfermidade ou dor sobre o seu corpo, sen embargo non permitiría que se lixara a condición moral da súa nai. ¿Non debía ser unha persoa axeitada, ata inefable, a que debía acolle-lo Fillo de Deus ó se facer home? Debía ser de certo a "chea de graza", a que ten consigo ó Señor do mundo, aquela que ofrece como froito do seu seo a bendición para o mundo.
Esta festa da Virxe María encádrase no Advento. María, mais que ningunha outra persoa, esperou a chegada da salvación de Israel, o Mesías enviado por Deus para salvar ós homes. Pouco antes do Nadal celebraremos outra festa da Virxe María, a Virxe da O. Será cando cheguemos ó 18 de decembro, un día despois de comeza-las antífonas latinas da O, que traducidas ó galego inician así: "¡Ou Sabedoría!", "¡Ou Señor!","¡Ou Xermolo!", "¡Ou, Chave!", "¡Ou Sol!", "¡Ou Rei!", todas elas alusións ó Neno que está para nacer, ó Fillo de Deus, fillo da Virxe María, feito home para salva-lo home.
