Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
mesa redonda nos “Luns do Ateneo”

Os irmáns Brage son a maior referencia da música na Compostela do século XX

    Os irmáns Brage, Luís e Ángel Brage , son a maior referencia da música na Compostela do século XX, segundo quedou patente nunha mesa redonda celebrada onte no Ateneo de Santiago, coordinada por Maximino Zumalave, na que participaron os musicólogos David Ferreiro e Maruxa Baliñas, que falaron da persoalidade musical e humana de Luís e Ángel, respectivamente. Dous músicos fillos do mestre de capela da Catedral, ligados ao Teatro Principal de Santiago, ao Teatro Apolo e Salón Teatro, que ofrecían todo tipo de espectáculos musicais e cine mudo que era musicado en directo pola familia Brage.

    David Ferreiro achegou datos moi relevantes da figura de Luís Brage, o máis esquecido dos irmáns, mítico director da Lira de Ribadavia, e vítima da represión política do franquismo que truncou a súa carreira musical, e pesou sobre a vida profesional do seu irmán menor, Ángel Brage.

    Ferreiro fixo un minucioso percorrido polo intenso labor musical de Luís Brage, prolífico creador, con 124 obras rexistradas, que aínda seguen tocando moitas das bandas de Galicia, especialmente a súa peza “Follas Novas”. Luís Brage foi director de orquestra en Melilla, Madrid, Pontevedra, Santiago e A Coruña, se ben a súa etapa máis interesante e a acontecida entre 1929 e 1936 como director de La Lira.

    A represión franquista durante a Guerra Civil pasoulle factura a Luís Brage, que foi condenado á pena de morte, logo conmutada por cadea perpetua e, finalmente, sufriu cadea ata a súa liberación en 1942, ano en que se traladou á cidade da Coruña para vivir os seus últimos cinco anos en Compostela, onde faleceu en 1959. Actualmente os seus restos, olvidados, ocupan un nicho sen placa no cemiterio de Boisaca.

    Sobre Ángel Brage, mestre do Conservatorio de Santiago e personaxe trascendental na historia musical da cidade, existen moitos máis datos, testemuñas e un amplo anecdotario que foi manexado por Maruxa Baliñas, dando conta da actividade musical dun mestre que puido ser un dos grandes intérpretes de piano no ámbito internacional, de non optar por permanecer na cidade na que naceu. Dende neno, Ángel Brage púxose ao cargo da orquestra do Teatro Principal e, en xornadas interminables, chegou a compaxinar o seu traballo no Principal con actuacións diarias no café Argentino, Apolo, Salón Teatro… Ao longo da sía vida acompañou ao piano ás principias figuras da escena española que pasaban por Compostela, tivo unha intensa relación co mestre Quiroga e foi responsable da formación musical de todas as xeneracións que pasaron polo conservatorio entre a década dos 30 e dos 70, impartindo clases particulares de piano aos alumnos máis selectos.

    Maximino Zumalave destacou, igualmente, a altísima capacidade musical de Ángel Brage, afirmando que “perdimos a un intérprete de primeiro nivel internacional, pero gañamos a un grande mestre para Compostela”. A conferencia foi seguida por numeroso público que mantivo un animado coloquio.

    08 abr 2014 / 12:13
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito