Nun plató de televisión. Aí foi onde a María Solar se lle ocorreu a idea para o seu terceiro conto infantil, 'A verdadeira historia da mosca da tele'. A xornalista da TVG estaba en plena gravación cando entrou en escena ese incómodo bicho catódico que adoita complicarlle as cousas a presentadores e convidados, xusto no momento en que se acende o piloto vermello.
En Radio Obradoiro, a escritora compostelá explicou que o conto, editado por Galaxia para a colección Árbore 10 anos, conta a viaxe da famosa mosca “desde os platós de Galicia ata a televisión do Caribe”. Alí a protagonista “coñecerá outros insectos cos que compartirá aventuras e alimentos”. A historia, segundo dixo, reivindica a función que cumplen os insectos domésticos e demostra que, ás veces, os bichiños son máis humanos que as persoas.
A presentación do libro foi o pasado 6 de novembro e contou coa presenza do autor teatral e narrador Quico Cadaval, “a única persoa que foi capaz de dar caza á mosca da tele”.
