Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Martes 21.05.2013  | Actualizado 11.09 Hemeroteca web  |  RSS   RSS

Noticia 1 de 1 Santiago | local@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

A nova temporada da Filharmonía comeza o 4 de outubro

O público será testemuña do paso da batuta de director titular de Antoni Ros Marbà a Paul Daniel, quen asumirá a dirección artística da Real Filharmonía de Galicia

REDACCIÓN SANTIAGO   | 13.09.2012 
A- A+

O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás, presentou a temporada de concertos do Auditorio de Galicia para o período 2012/2013, que comezará o 4 de outubro. Durante a mesma, o público será testemuña do paso da batuta de director titular de Antoni Ros Marbà a Paul Daniel, quen asumirá a dirección artística da Real Filharmonía de Galicia dende o 1 de xaneiro de 2012. En total serán 33 concertos, 26 dos cales protagonizaraos a propia Filharmonía.

A temporada comezará coa soprano Sandrine Piau, á que se unirán, como solistas convidados, algúns dos mellores nomes do panorama europeo: os pianistas Josu de Solaun, María Joâo Pires, Ingrid Fliter, Nicolai Lugansky, Kirill Gerstein; os violinistas Frank Peter Zimmermann, Ilya Kahler, Renaud Capuçon; o viola Lawrence Power; os cellistas Daniel Müller-Schott e Nicolas Alstaedt e a soprano Beatriz Díaz, entre outros. No panorama coral destaca a presenza xunto á RFG de The Sixteen (con Harry Christophers como director do concerto) e do Coro Gulbenkian, que pechará a temporada en xuño de 2012 coa Misa en si menor de Bach.

Como directores invitados destacan as repeticións, despois dos seus éxitos xunto á agrupación galega en pasadas tempadas, de Christoph König, Manuel Hernández Silva e David Afkham.

Destaca tamén a presenza da Orquestra Sinfónica de Galicia, que visitará Santiago en catro ocasións. A temporada de concertos complétase, como nos anos anteriores, co Ciclo de Piano "Ángel Brage", con tres recitais a cargo de Sebastian Knauer, Benjamin Grosvenor e Andrea Lucchesini.

Ademais, a Real Filharmonía seguirá co seu ciclo de concertos didácticos e os seus ensaios abertos, para achegar o seu traballo cotián aos máis novos. Neste sentido, tamén hai que lembrar a continuación do programa docente da orquestra a través da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, na que se imparte o máster de especialización orquestral, cos músicos da Filharmonía como profesores. Á Escola tamén chegarán os mellores profesionais da música en Europa, para impartir algunha clase maxistral e ofrecer charlas e coloquios.

Venda de abonos e entradas 

Como todos os anos, o Auditorio de Galicia ofrece catro modalidades de abono para asistir aos diferentes concertos da temporada, ademais do abono especial para estudantes e xubilados, que supón un aforro do 50%. Tamén se mantén a modalidade de abono colectivo para asociacións culturais e veciñais, escolas de música públicas e centros educativos públicos dos cales se ofrecerán, nesta temporada, 60. Neste momento están todos cubertos polo que, de renovar todos os existentes, nesta modalidade non se poderán facer abonos novos.

O prezo dos abonos individuais é o seguinte: Abono A, para toda a temporada, 319,20 € (contén desconto do 30%); Abono B, concertos de outubro a decembro, 142,80 €; Abono C, concertos de xaneiro a marzo, 140,25 €; e Abono D, concertos de abril a xuño, 104,55 € (estes tres abonos conteñen un desconto do 15%). En canto aos prezos do abono especial, que lembremos que é para estudantes e xubilados e que supón un desconto do 50%, serían: 228 € o Abono A; 84 € o Abono B; 82,50 € o Abono C; e 61,50 € o Abono D. Pola súa banda, o abono colectivo supón un custo de 276 € para toda a temporada.

A renovación de abonos individuais poderase realizar os días 17, 18 e 19 de setembro; a dos abonos colectivos os días 20 e 21 de setembro; e a venda de novos abonos será os días 24, 25 e 26 de setembro. Todos eles na billeteira do Auditorio en horario de 11:00 a 14:00 horas e para a renovación de abonos abonda con chamar aos teléfonos 981 571 026 ou 981 573 979.

Ademais, por suposto, poderán seguir mercándose entradas soltas durante toda a temporada a través de diversas canles:

Na billeteira do Teatro Principal de 18:00 a 21:00 horas de martes a sábado.

Na billeteira do Auditorio de Galicia os días de concerto de 18:00 a 21:00 horas ou por teléfono, baixo a forma de pago por tarxeta e poderán ser retiradas ata media hora antes de comezar o concerto.

En entradas.novagaliciabanco.es as 24 horas do día.

No 902 434 443 ata 24 horas antes de cada concerto en horario de 8:00 a 22:00 horas de luns a venres, sábados de 9:00 a 14:00 horas, domingos e festivos está pechado.

Novo disco da RFG 

A Real Filharmonía de Galicia acaba de sacar ao mercado un novo traballo discográfico, nesta ocasión dedicado a música de Ravel e editado por Warner Music. Ros Marbà dirixiu esta gravación, realizada no Auditorio de Galicia, e contou coa colaboración, como solista, do violinista Benjamin Schmid. O disco componse de dúas coñecidas pezas de Ravel, Ma mere l’oye e Pavana para unha infanta defunta, a obra composta para violín, Tzigane, e unha peza inédita no catálogo de Warner, a orquestración que Ravel fixo do Carnaval de Schumann. Ros Marbá elaborou un magnífico discurso na selección deste repertorio sacado do universo musical de Ravel.

O CD súmase aos últimos traballos da Filharmonía de Galicia, os discos dedicados aos compositores Manuel de Falla e Frederic Mompou, que saíron á luz en 2009. O proxecto artístico da Filharmonía de Galicia no eido discográfico complétase, entre outros traballos, coa colección dos tres Musicontos editados con Galaxia e as sinfonías de Schubert gravadas con Helmuth Rilling nos anos 1998 e 1999. De forma complementaria, os concertos de abono no Auditorio de Galicia son gravados e emitidos posteriormente no programa Allegro moderato, da Radio Galega.


 

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado. Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorreogallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS