El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Obradoiros en Fontiñas na prevención de situacións de vulnerabilidade entre os adolescentes

REDACCIÓN SANTIAGO   | 23.10.2013 
A- A+

A concelleira de Benestar Social, María Castelao, presentou o proxecto comunitario A nosa vida en positivo?: vulnerabilidade social en adolescentes; reflexións técnicas e experiencias vitais. Esta iniciativa, que vincula os aspectos educativo e social, dende unha óptica preventiva, porase en marcha entre mozos e mozas de entre 15 e 17 anos do IES Antonio Fraguas (Fontiñas) e inclúe tres obradoiros e unha mesa redonda.

Acompañaron a María Castelao na rolda de prensa a orientadora do IES Antonio Fraguas, Dolores Sanz; o xefe do Departamento de Filosofía deste instituto, Rafael Varela, e a directora do Centro de Día Arela, Mila Budiño. Estes dous centros forman parte do equipo comunitario do barrio de Fontiñas, ao que se referiu a edil lembrando os seus máis de 15 anos de traballo abordando a realidade social do barrio dende unha óptica comunitaria e cunha perspectiva de traballo en rede, baseada na coordinación permanente. "Os fins últimos da súa intervención están dirixidos a acadar unha convivencia positiva en tódolos eidos (no familiar, no escolar ou no veciñal) dende o respecto á diferenza e aos dereitos que asisten a cada persoa", dixo.

Neste marco situou o proxecto A nosa vida en positivo e, máis en concreto, nas súas liñas formación para a xuventude e de intervención integral con menores para previr situacións de risco social. Trátase tamén de reforzar o labor que xa se realiza en materia de absentismo escolar e de mellora da convivencia no ámbito comunitario.

O proxecto foi elaborado conxuntamente por persoal técnico da Unidade de Traballo Social de Fontiñas (pertencente aos Servizos Sociais Comunitarios) e por profesionais do IES Antonio Fraguas. Así, os destinatarios do mesmo son os alumnos e alumnas de 4º da ESO e de Bacharelato deste centro, con idades comprendidas entre os 15 e os 17 anos.

Dereitos, condutas e conciencia crítica 

Con esta iniciativa búscase que os mozos e mozas coñezan os seus dereitos e aprendan a exercitalos, así como as consecuencias legais de determinadas condutas. Con estas sesións tamén se pretende fomentar a participación dos adolescentes na vida comunitaria, desenvolver conciencias críticas e contidos curriculares.

Entre o persoal técnico do ámbito socioeducativo, o proxecto clarificará normas de actuación cos colectivos infantil e xuvenil, permitirá un mellor coñecemento dos recursos existentes en relación á vulnerabilidade social dos menores e fortalecerá as pontes entre a institución escolar e a comunidade.

Está prevista a realización de tres obradoiros, o primeiro do cales terá lugar o martes 29 de outubro no IES Antonio Fraguas. Nesta xornada, conducida pola Asociación Arela, abordarase dun xeito didáctico, a Lei 5/2000, de responsabilidade penal do menor. O curso organizarase en dúas sesións, para un total de 110 alumnos e alumnas de 4º da ESO.

O segundo dos obradoiros, realizado polo Equipo Técnico de Menores da Xunta de Galicia, está dirixido a sensibilizar os adolescentes sobre as diferentes situacións de risco ou desamparo social. Este curso impartirase o 5 de novembro no IES Antonio Fraguas. Participará un grupo de 40 alumnos e alumnas de 4º da ESO e Bacharelato.

O 19 de novembro, no mesmo IES Antonio Fraguas, terá lugar outro obradoiro, enmarcado no Programa de Ensinanza Permanente de Adultos do Centro Penitenciario de Teixeiro. Serán dúas sesións, dirixidas ao alumnado de 4º da ESO.

O proxecto pecharase este mesmo 19 de novembro cunha mesa redonda no Centro Sociocultural de Fontiñas de 16:30 a 18:30 horas. Participarán os profesionais encargados dos obradoiros, aos que se lles unirá algún membro de instancias xudiciais. Con esta mesa redonda preténdese incidir nos aspectos xa traballados nos obradoiros, clarificar cuestións pendentes e incorporar nova información e experiencias vitais que se poidan trasladar dende o ámbito xudicial e penitenciario. Asistirá o alumnado do IES Antonio Fraguas, persoal docente, membros de entidades sociais comunitarias e persoas derivadas dende estas últimas.

María Castelao pechou a rolda de prensa realizando un recoñecemento "ao traballo que durante estes anos veñen levando a cabo as entidades sociais e educativas do barrio de Fontiñas, que en todo caso pretendeu e pretende incidir no benestar social da zona". Estendeu o agradecemento aos profesionais de Arela, do Equipo Técnico de Menores, do Centro Penitenciario de Teixeiro e do ámbito xudicial pola súa "colaboración desinteresada" no proxecto.