El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

PRESUPOSTOS 2013

Os orzamentos destinan 15 millóns ao corredor Santiago-Brión-Noia e partidas para a Escola de Idiomas e o Cegadi

Cen mil euros á variante de Aradas para sacar tráfico de Vite // No ámbito sanitario, Compostela recibe investimentos para equipamento por 571.000 euros, cantidade un pouco menor que a de Vigo e superior ás de Lugo e Pontevedra // Os plans directores dos hospitais disparan as cifras na Coruña (máis de 20 millóns) e Ourense (14,3)

SANTIAGO. X.C.  | 29.12.2012 
A- A+

A Axencia Galega de Infraestruturas, que forma parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, inviste en 2013 en varios tramos de estradas que conectan Santiago con outras localidades da comarca. Concretamente, nos ramais de acceso Santiago-Brión empréganse 1,3 millóns de euros. Tamén se destinan algo máis de 13,5 millóns á conexión do corredor Brión-Noia (estrada AC-550), en Taramancos-Noia. O financiamento, que ten continuidade no ano 2014 con 12,6 millóns de euros, procede fundamentalmente dos fondos FCI e FEDER.

Outra actuación, a da variante de Aradas, ten asignados pouco máis de cen mil euros con continuidade presupostaria en 2014 (tres millóns) e 2015 (tres millóns). Con esta actuación permitirase o acceso desde a estrada de Carballo ao Polígono do Tambre, desviando un importante volume de tráfico que actualmente circula polo barrio de Vite. Ademais, este eixo servirá como variante noroeste do núcleo urbano de Santiago ao permitir o acceso a través do polígono do Tambre, á estrada N-550.

Finalmente, o acondicionamento do vial Portomouro-Santa Comba está dotado con 20.000 euros en 2013, e prevense outras cantidades en anos sucesivos, que van desde os 9 millóns aos 18.

EDUCACIÓN

A Consellería de Cultura, Educación e OU investirá en 2013 en Santiago 129.000 euros para a construción da Escola Oficial de Idiomas. A actual ten problemas para albergar todos os estudantes que desexan formación.

Nunha das partidas para equipamento da rede de bibliotecas municipais de Galicia, que globalmente 100.000 euros cofinanciados con fondos FCI e FEDER, a Santiago correspóndenlle 30.000.

Para formación e perfeccionamento do profesorado, dun total de 1,5 millóns de euros, á formación dos profesionais dos centros non universitarios do concello santiagués se destinarán 417.333 euros, a cantidade máis alta. En canto á dos docentes de Formación Profesional, dun global de 578.695 euros, a Santiago correspóndenlle 159.141.

SERVIZOS SOCIAIS

A Consellería de Traballo e Benestar presupostou obras e reparacións en centros de servizos sociais por case 2,5 millóns de euros. Desa cantidade, o concello de santiago de compostela recibirá 100.000. Neste caso, os municipios máis favorecidos foron A Coruña (472.430 euros), Pontevedra (457.110) e Ferrol (424.813 euros).

A Consellería de Traballo e Benestar tamén destinou para o 2013, dentro do programa de servizos sociais de atención a persoas maiores e con discapacidade, un montante de 990.000 euros á construción do edificio do Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento Integral), ubicado en Salgueiriños. O Cegadi está deseñado para recibir discapacitados físicos que teñan dificultades de desprazamento e escasa autonomía persoal, limitacións para as relacións sociais, unha baixa experiencia educativa ou formativa e a aqueles que teñan necesidades de rehabilitación médico-funcional, para mellorar as súas capacidades físico-motoras.

Desde o seu inicio, en 2008. o edificio do Cegadi pasou por dificultades, mesmo con paralización das obras. De feito, nun principio estaba prevista a súa finalización en 2009.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, por medio do Instituto Galego da Vivenda e Solo, dedica unha cantidade de 1,3 millóns de euros a reparación de vivendas de promoción pública en varios concellos galegos. Dese total, a Santiago asígnaselle a cantidade máis importante: 200.000 euros.

SANIDADE

En canto á sanidade, a consellería dirixida por Rocío Mosquera inviste unha boa cifra en equipamentos informáticos en todas as áreas sanitarias, con avultadas anualidades. É importante, por exemplo, a implantación da Historia Clínica, que absorbe máis de 2,5 millóns de euros, dos que aos centros da área de Compostela lle corresponden 304.101. Neste capítulo, as cantidades más destacadas van a Vigo y A Coruña. Outros proxectos que reparten investimentos de carácter inmaterial nos centros galegos, e por suposto tamén en Santiago, son o Hospital 2050 ou Innova Saúde.

Por outra parte, en equipamento dos centros sanitarios de atención especializada e primaria, ademais de en diferentes reformas no hospital, Santiago recibe 571.631 euros, repartidos do seguinte xeito: 344.157 á especializada, 42.613 á primaria e 184.861 a reformas.

En similares partidas, os centros sanitarios do concello de Vigo reciben 697.761 euros; os de Lugo (Lucus Augusti), 258.918; e os de Pontevedra, 203.108. As cantidades dispáranse na Coruña e Ourense. Na cidade herculina, os centros reciben 150.000 euros para equipamento e, ademais, o Complexo Hospitalario (CHUAC) obtén máis de vinte millóns para o Plan Director, dotado con outras anualidades millonarias nos vindeiros exercicios.

En Ourense pasa algo parecido, xa que ademais de preto de 300.000 euros para equipamento en atención especializada e na primaria, o Plan Director do Complexo Hospitalario está dotado con 14 millóns.

No capítulo de construción ou modernización de centros de saúde, as referencias por anualidades superan os 22 millóns de euros, dos que Santiago recolle máis de tres.