El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

CADA sábado nun punto da cidade ou do rural

Ponse en marcha un Punto Limpo Móbil en Santiago

Co obxectivo de dar a coñecer e facilitar a xestión de residuos non voluminosos e a reciclaxe mediante a recollida selectiva

CDS  | 13.03.2015 
A- A+

A Concellería de Desenvolvemento Urbano Sostible, a través da empresa Urbaser, concesionaria do servizo de recollida e do tratamento de residuos, pon en marcha un Punto Limpo Móbil, co obxectivo de dar a coñecer e facilitar a xestión de residuos non voluminosos e a reciclaxe mediante a recollida selectiva. Este punto limpo móbil estará cada sábado nun punto da cidade ou do rural.

O punto limpo móbil é un vehículo adaptado que percorrerá os diferentes barrios, cuns horarios e puntos prefixados, co fin de que a veciñanza poida depositar os pequenos residuos domésticos para os que non existen colectores na vía pública. Así o explicaron en rolda de prensa a concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, e o xerente de Urbaser en Santiago, Antonio Gómez.

Nun horario de 10:00 a 13:00 horas, o vehículo estará o primeiro sábado de cada mes nas Fontiñas, o segundo na praza Roxa e o terceiro en Virxe da Cerca. O cuarto sábado de cada mes, o punto limpo móbil estará no rural, nunha ubicación que será distinta cada cuarto sábado e que se anunciará a través da web de DUS. Este sábado 14, o vehículo estará na praza Roxa.

O vehículo consta dunha plataforma móbil que se abre en dúas metades deixando un corredor central dende o que se accede aos colectores específicos para cada tipo de residuo. Neste vehículo haberá un operario para axudar a que todos os residuos se depositen no colector que lles corresponde.

Campaña escolar
En paralelo a esta campaña, ponse en marcha outro programa, dirixido a centros de infantil e primaria, co obxectivo de concienciar e familiarizar os nenos e nenas de Santiago coa práctica da reciclaxe dos residuos que requiren un tratamento especial (pilas, aceites, electrodomésticos, CD, DVD, móbiles, etc.).

Os colexios terán a opción de solicitar que se achegue o punto limpo móbil á escola, ou ben que os alumnos e alumnas visiten o punto limpo do Polígono do Tambre. Pódese concertar cita no 981 565 469. Este mesmo teléfono é ao que calquera cidadán pode chamar para solicitar a recollida gratuíta a domicilio de mobles e outros utensilios.



Su búsqueda de empleo comienza aquí.

¿Qué? ¿Dónde? Jobs by neuvoo
Jobs by neuvoo