El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

A Plataforma contra a Fumigación

Protesta en Santiago contra o uso aéreo do pesticida flufenoxurón

A marcha contra a fumigación partiu da Alameda e foi ata Praterías - FOTO: FERNANDO BLANCO
Ver galería
A marcha contra a fumigación partiu da Alameda e foi ata Praterías - FOTO: FERNANDO BLANCO

SANTIAGO DE COMPOSTELA. E.P.  | 10.06.2012 
A- A+

Máis de 200 persoas manifestáronse onte en Santiago de Compostela para rexeitar as fumigacións aéreas co pesticida Cascade, o flufenoxurón, para combater o gorgullo que afecta ao eucalipto. Mentres, a Consellería de Medio Rural e do Mar emitiu un comunicado no que nega que se estea a levar a cabo fumigación ningunha, aínda que recoñece que hai “unha solicitude que se está avaliando para comprobar que cumpra con todas as esixencias que establece a lexislación vixente e con todos os requisitos impostos pola Xunta para que poida ser aplicado con todas as garantías”.  Na protesta, que partiu da Alameda, o voceiro da Plataforma contra as Fumigacións, Xesús Asorey, denunciou que a patronal pastera, en colaboración coa multinacional química BASF e a Xunta, “pretende fumigar mediante medios aéreos cun produto altamente
tóxico, que estará prohibido en Europa a partir do 1 de agosto”. Asorey recalca que este pesticida, xunto con outros sistémicos, está detrás da desaparición das abellas galegas: nos lugares nos que máis se usan este tipo de produtos desapareceron ata o 80% das colmeas. A plataforma salienta tamén o impacto económico do sector apícola la agricultura galega, xa que proporciona ingresos a máis de 4.000 familias. Segundo Asorey, o flufenoxurón é un insecticida que se atopa en “período de moratoria” e que desaparecerá do mercado polos “efectos nocivos” na saúde e no medio.

“NON É NEUROTÓXICO”.
Porén, a Xunta puntualiza que “non é un produto neurotóxico”, “senón un antiquitinizante” que actúa sobre as larvas cando cambian de estado, impedindo o seu desenvolvemento. No seu comunicado, a Xunta pide ademais “máxima tranquilidade” á poboación “fronte ao tratamento inexacto, pouco rigoroso e esaxerado” que, ao seu xuízo, se está a facer deste tema “de maneira interesada” dende algúns grupos. Na marcha, que percorreu as rúas compostelás baixo o lema Fumigacións non. Por un futuro sen pesticidas, os asistentes, entre os que atopaban o nacionalista Xosé Manuel Beiras e a secretaria xeral do Sindicado Labrego Galego, Carme Freire, corearon consignas como Pesticidas, armas de destrución masiva ou Estamos que zumbamos.