El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Reabren o estanque da Alameda de Santiago, que agora gaña presenza no conxunto

Automatizouse o sistema de rega manual existente, conectando as válvulas co programador central // Realizouse un investimento de 98.600 euros

O estanque conta con novos parrulos - FOTO: CDS
Ver galería
O estanque conta con novos parrulos - FOTO: CDS

CDS  | 17.12.2013 
A- A+

O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Sostibilidade, María Pardo, visitaron as obras realizadas no estanque da Alameda. O renovado espazo xa se atopa aberto ao público, tras realizarse un investimento de 98.600 euros máis IVE.

O obxectivo principal desta actuación era proporcionar maior entidade e presenza ao estanque dentro do espazo da Alameda. Para iso realizáronse varias intervencións, como a eliminación da sebe de Ligustrum, elemento que limitaba e reducía a percepción visual dos diferentes elementos que forman parte do espazo (auga, formas, vexetación).

Tamén se instalaron xogos de auga e luz, achegando así elementos de altura e son. Plantáronse especies arbustivas, tapizantes e bulbosas, aumentando a riqueza botánica e ornamental do espazo, e mellorouse o mobiliario existente. O estanque conta xa con novos parrulos.

Esta intervención permitiu igualmente solucionar outros problemas da zona, como o empozamento que se producía no paseo peonil que discorre entre o estanque e a avenida Juan Carlos I, paralelo a esta última. Ademais, acometeuse un aforro na xestión da auga, mediante a automatización do sistema de rega manual que existía nalgunhas partes da Alameda: a zona do estanque, o paseo central da Alameda, a entrada principal e o Campo da Estrela. Finalmente, impermeabilizouse o vaso do estanque, que presentaba grandes perdas de auga.

En canto a novas instalacións, automatizouse o sistema de rega manual existente, conectando as válvulas co programador central da Alameda. O rego automatizado ampliouse, ademais de ás zonas verdes do estanque, ao resto de zonas da Alameda que se atopaban sen automatizar: o paseo central de tilos, a entrada principal onde se atopa a escultura das Marías e o Campo da Estrela.

Tamén se substituíron e reubicaron todos os emisores de rego da zona verde do estanque por outros adaptados ás novas plantacións. Dotouse o paseo peonil que discorre entre o estanque e a avenida Juan Carlos I dunha rede de pluviais, composta de sumidoiros sifónicos con grella de fundición e un colector de pluviais soterrado.

A obra completouse coa instalación dun sistema de chorros e luces led con diferentes alturas, abanicos, cortes de auga, funcionamento intermitente, escaleiras, etc., achegando así elementos de altura e son. Para isto colocouse un sistema de bombeo e filtración e un automatismo que controla o funcionamento dos chorros de auga e das luces.