El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Reyes pide a CA que aplique o resto de alegacións presentadas polo PSOE á Ordenanza de Transparencia

Para os socialistas, de nada teñen que presumir os integrantes do grupo de goberno cando falan de transparencia

SANTIAGO. PSOE  | 21.04.2017 
A- A+

O voceiro do grupo municipal socialista, Paco Reyes, asegurou este venres que a transparencia da que presume tanto Compostela Aberta, co anuncio do portal informando do pago a proveedores, non é outra cousa que o acatamento dunha das alegacións presentadas por este grupo á ordenanza de transparencia. Reyes, ademais, instou ao grupo de goberno a poñer en funcionamento o resto de emendas.

Para os socialistas, de nada teñen que presumir os integrantes do grupo de goberno cando falan de transparencia, xa que o recentemente anunciado portal de pago a proveedores resposta a unha das alegacións que presentara no seu día este grupo municipal á ordenanza de transparencia, e que foran aceptadas na súa totalidade.

Nomeadamente, parte da alegación incluía engadir “a identidade dos contratistas cos que se realizasen no exercicio operacións por un importe superior a tres mil euros, indicando o concepto e o importe das operacións realizadas”, así como “o listado de facturas de importe superior a 500 euros fiscalizadas e contabilizadas polo Concello”.

Nesta liña, o voceiro do grupo socialista, Paco Reyes, deu un paso máis e instou a Compostela Aberta a seguir incorporando as alegacións socialistas –que ata o momento, agás a citada, non foron postas en práctica- para camiñar cara unha transparencia “de verdade”. Como exemplos, citou alegacións como, na referida ao punto relativo a altos cargos e persoal directivo, na que os socialistas instan a engadir “a contía anual dos gastos protocolarios, axudas e gastos de viaxe xerados polas persoas incluidas (…), indicando o perceptor e o motivo destes; así como os de calquera outros empregados municipais, indicando unicamente o motivo”. Tamén reclaman transparentar “os beneficios tales como teléfonos móbiles, vehículos ou tarxetas de crédito, ou o acceso gratuito ou subvencionado a instalacións a servizos municipais”.