Jueves 25.09.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Porta Faxeira, que acaba de abrir na rúa do Franco 50, basea a súa carta nos produtos galegos FOTO: Ramón Escuredo |
Ninguén dubida de que a gastronomía galega está de moda. Por fin chegou a hora de facerlles xustiza á sabiduría daquelas avoas que ían transmitindo de xeración en xeración os seus segredos entre fogóns. Detrás da tradición que atesouraba cada fogar había (e hai) un patrimonio único: a inmellorable calidade do que sae da horta e o luxo que acubillan as rías, sen esquecer a excelencia do gando que se cría nos pastos autóctonos. Bebendo do bo facer dos antergos e botando man dos produtos galegos acaba de estrearse o restaurante Porta Faxeira. Baixo o paraugas de Pousadas de Compostela, o local segue fiel á filosofía do grupo: dotar de personalidade propia espazos históricos en desuso. Hoteis como o Virxe da Cerca, Pombal, San Clemente ou Airas Nunes, entre outros, non son máis que un exemplo do espírito que marca a súa folla de ruta.
![]() |
| O establecemento acabado de inaugurar coroa a saída da rúa do Franco FOTO: R.Escuredo |
A súa última aposta chega en forma de restaurante. Situado na emblemática rúa do Franco 50, Porta Faxeira arrinca con dous fichaxes estrela, conta a este diario o director-xerente de Pousadas de Compostela, José Manuel Otero. O chef Daniel Novo e o maître Roberto Guerra (polo de agora ligados ó Pazo de Lestrove, outro establecemento do grupo) encabezan o equipo dun local con capacidade para 200 comensais. Como non podía ser doutro xeito, os auténticos protagonistas da cociña serán as carnes con selo galego e os produtos frescos da Praza de Abastos de Santiago. Sempre a "prezos asequibles", apontoa José Manuel Otero. De cara ó verán, o espazo terá xa lista unha terraza de 300 m2 coroada por un magnolio centenario.
Outro local para xullo
A estrea do Porta Faxeira vén dar pulo a un roteiro que cada vez conta con máis incondicionais: o dos restaurantes. Pese ó castigo dunha crise que apenas concede indultos, hai propostas que logran saír a flote coa cabeza ben alta. ¿O segredo? "O noso principal patrimonio é o equipo humano", aclara Otero mentres lembra o Garfo de Ouro que no 2009 avalaba a xestión do Pazo de Lestrove. Aínda que a delicada situación económica tamén se fixo notar, recoñece que 2010 "é un momento especial para abrir un negocio, sobre todo tendo en conta o pulo do Ano Santo".
Por iso, o desembarco de Pousadas de Compostela no Franco non vai quedar aí. De cara ó vindeiro mes de xullo, o grupo prevé poñer en marcha outro establecemento no número 31 da mesma rúa. Chamarase O Boteco e baseará a súa carta en suculentas tapas e racións.
Probas de carga superadas con éxito
·· Antes de iniciar a súa actividade, Porta Faxeira realizaba a fin de semana pasada o que se denomina proba de carga. É dicir, un ensaio que, con 160 persoas sentadas á mesa, permitiu medir a capacidade do equipo en hora punta. Pechou cun éxito rotundo.
Carnes á grella e peixe da Praza
·· As auténticas estrelas da carta do Porta Faxeira van ser as carnes á grella, especialmente o boi galego, e o peixe fresco que cada día se vai mercar na Praza de Abastos, conta José Manuel Otero. Os pratos sempre terán un toque da cociña tradicional.
Unha década de hoteis con encanto
·· Pousadas de Compostela cumpría unha década no 2009. O seu xermolo non é outro que poñer en valor o núcleo histórico da capital galega con pequenos establecementos que os franceses chaman hôtel de charme (hoteis con encanto).
Aldea vacacional na zona de Sestelo
·· Nestes dez anos o grupo non parou de medrar. Por se fora pouco, hai case un ano inauguraba un conxunto de casas en Sestelo (a poucos minutos de Santiago) rehabilitado como aldea vacacional .
