El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

O Salón Caroutlet de Santiago ofrecerá arredor de 400 vehículos en oferta

A cita será esta fin de semana no recinto feiral de Amio // As entradas custarán 2 euros e o acceso dos nenos e nenas menores de 10 anos será gratis

A concelleira María Rozas co director do Salón Caroutlet Motorocasión, José Enrique Elvira, na presentación da terceira edición do evento - FOTO: CDS
A concelleira María Rozas co director do Salón Caroutlet Motorocasión, José Enrique Elvira, na presentación da terceira edición do evento - FOTO: CDS

SANTIAGO. CDS  | 14.03.2018 
A- A+

O recinto feiral de Amio acollerá do 16 ao 18 de marzo a terceira edición do Salón Caroutlet Motorocasión que terá unha extensión de máis de 4.000 metros cadrados. Na presentación do evento estivo a tenente de alcalde, María Rozas, acompañada do director do Salón, José Enrique Elvira.

Tal e como explicou a concelleira, "trátase dun dos eventos referencia do motor e do vehículo usado e de ocasión en Galicia, que permitirá ter nun mesmo espazo máis de 400 coches de distintos concesionarios de Compostela e da contorna". María Rozas fixo fincapé ademais no asesoramento, xa que "as persoas que acudan contarán con axentes comerciais profesionais e especializados".

O Salón estará aberto ao público o venres dende as 16:00 ata as 21,00 horas. O sábado abrirá desde as 11:00 ás 21:00 horas, e o domingo, de 11:00 a 20:00 horas.

As entradas custarán só 2 euros e o acceso dos nenos e nenas menores de 10 anos será gratis, existindo amplo aparcadoiro gratuíto no propio recinto feiral de Amio. A dinámica feiral, onde se repoñen cada día os coches que se van vendendo, permite unha oferta variada nos máis de 4.000 metros cadrados de superficie que ocupará a mostra de ocasión.

O director do Salón, José Enrique Elvira, sinalou que "o maior número de coches que se poderá ver son os máis demandados polo mercado nas últimas datas, como os Km 0". Tamén lembrou que "o ano pasado achegáronse pola feira arredor de 10.000 persoas e vendeuse aproximadamente o 50% dos vehículos".

Esta confluencia de diferentes concesionarios oficiais e marcas nun único espazo supón unha vantaxe para os clientes interesados en coches de ocasión, pois van atopar unha gran variedade de modelos e mesmo diferentes coches da mesma marca, de forma que poidan comparar características ou prezos e elixir o que máis se adapte aos seus intereses.

Subida do 3,45%

As transferencias de turismos e todoterreos usados creceron un 3,48% no que levamos de 2018 en Galicia respecto das cifras do mesmo período de 2017, ata situarse nas 17.140 unidades transferidas, segundo datos da Asociación Nacional de Comerciantes de Vehículos (Ancove).

Para a patronal automobilística, "a configuración actual do mercado favorece o negocio de usados" dos concesionarios oficiais, xa que hai unha gran demanda de coches de ata tres anos, acompañada dunha grande oferta.

De feito, os vehículos de cero a tres anos arrincaron cun incremento do 20%, aínda que os de máis de 10 anos seguen supoñendo máis do 60%, o que denota que o envellecemento do parque automobilístico continúa.

En España, nos dous primeiros meses do ano, acumúlanse unhas vendas de 367.483 vehículos no mercado de usados, o que supón un aumento do 10,1% respecto ao mesmo período do ano anterior. Deles, 316.250 foron turismos e crossover, que aumentaron un 10,6%, e 51.233 comerciais lixeiros, cunha subida do 7,5%.

Sobre o prezo, a media do mercado foi de 11.620 euros, 11.758 para o caso de turismos e 10.590 os comerciais lixeiros. No acumulado do ano, o prezo medio redúcese lixeiramente.