El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

a imaxe de compostela, a análise

"Santiago non funciona como unha capital cultural, senón como un santuario"

Un estudo realizado polo profesor da USC, Elías Torres, e a spin-off Faz, reflicte que a maioría dos turistas que nos visitan limítanse a entrar na Catedral, dar un paseo polo casco histórico e mercar algún recordo // Torres explicou en Radio Obradoiro que esta imaxe da cidade "non a fabrican fóra, senón que é enviada dende aquí"

Elías Torres - FOTO: Vía Láctea
Elías Torres - FOTO: Vía Láctea

Radio Obradoiro

Radio Obradoiro

Entrevista

Elías Torres, profesor da USC


SANTIAGO. RO  | 17.10.2012 
A- A+

A riqueza patrimonial, cultural, artística e gastronómica de Santiago pasa inadvertida para a meirande parte dos turistas que se achegan á capital galega. Así o reflicte un estudo realizado polo profesor da USC, Elías Torres, xunto coa spin-off Faz. O propio Torres debullaba en Radio Obradoiro este mércores os datos desta análise que, segundo el mesmo recoñeceu, lle "soprenderon" polo descoñecemento que teñen da cidade os que nos visitan. Para facer o estudo traballaron con "comerciantes e visitantes".

Unha das principais conclusións do mesmo, segundo Torres, é que "Santiago non funciona como unha capital cultural, senón como un santuario, como unha meta á que se chega. É unha cidade para levar un souvenir e non para estar nela". Unha imaxe que, engadía, "non fabrican os de fóra, senón que é enviada dende aquí". Esa análise tamén reflicte que "o 75% destes visitantes non son quen de identificar outro lugar de Compostela que non sexa a Catedral".

Torres sinalaba que "o turista medio considera que, despois de entrar na Catedral, dar un paseo polas rúas do casco histórico e mercar algún recordo, xa non ten nada máis que facer na cidade". Dixo ademais outra cousa preocupante: "a visión previa que a xente ten de Santiago antes de vir aquí, é mellor que a que ten despois".

A publicidade de Santiago centrada no Xacobeo durante moitos anos, podería ter parte de culpa no que está a ocorrer. De feito, dicía o profesor Torres, "hai comerciantes ubicados arredor da Catedral que están fartos deste turismo depredador e reclaman unha reconfiguración cultural que lle faga fronte a esta banalización que se está producindo".

Entre as receitas para reconducir esta situación, Torres citou a "diversificación e o establecemento de sinerxias entre as dinstintas partes da cidade e entre Santiago e o resto de Galicia".