Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
do 18 ao 26 de outubro

Segunda edición en Compostela do Outlet do Libro Galego

    A concelleira de Cultura, María Antón, presentou na Casa do Concello o Outlet do Libro Galego, que se celebrará do 18 ao 26 de outubro, organizado polo Concello de Santiago, a Asociación Galega de Editores e a Libraría Pedreira. Na presentación participaron tamén Xosé Aldea, editor e responsable dos Outlet pola Asociación Galega de Editores, da que é subdirector, e Antón Pedreira, da Libraría Pedreira, que xestiona o Outlet en Santiago.

    Este evento conta coa colaboración de Verial Galicia, empresa que cede o programa informático co que xestionar o Outlet, e de Afundación de Abanca, xa que será no Centro Cultural Afundación, na rúa do Vilar, onde terá lugar. Será do 18 ao 26 de outubro en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 horas.

    O Outlet do Libro Galego, que se celebra por segundo ano en Compostela, é unha oportunidade comercial para moitos títulos do catálogo das editoriais galegas que, neste momento, se atopan fóra dos circuítos comerciais convencionais. O obxectivo é abrir unha nova canle de comercialización que poña en contacto estas obras de contido variado cun público que ten grande interese en coñecer esta oferta pero que, ás veces, non a atopa de forma doada. Ademais hai que salientar que, no Outlet, o prezo de venda é moi atractivo polo que o potencial comprador atopará libros moi interesantes e a un prezo moi competitivo.

    O Outlet, que se celebra en máis cidades galegas, é tamén un espazo de colaboración entre os libreiros e institucións das diferentes cidades. Por todo iso, o Concello de Santiago colabora con esta iniciativa, que valora como unha importante oportunidade para que os composteláns e os visitantes, poidan mercar estes libros a un prezo competitivo e tamén para o encontro de libreiros e editores da cidade coas positivas sinerxías que iso implica.

    16 oct 2014 / 17:14
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito