El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

"Todo o proceso de tramitación da rotonda de Galeras é sospeitoso"

O portavoz do PSOE en Santiago preguntouse en Radio Obradoiro por que "a aprobación deste convenio se lle ocultou ós medios e á oposición" // Francisco Reyes insistiu en que confía no arquivo das dilixencias no tocante ó presunto financiamento irregular do seu partido // Logo de que Currás dixera na emisora que Reyes "está en Vigo e lle importa moi pouco esta cidade", lembroulle que el paga os seus impostos en Compostela e o rexedor en Teo

Francisco Reyes - FOTO: RO
Francisco Reyes - FOTO: RO

Radio Obradoiro

Radio Obradoiro

Entrevista

Francisco Reyes, portavoz do PSOE en Santiago


SANTIAGO. RO  | 10.02.2014 
A- A+

O portavoz do PSOE en Santiago foi este luns un dos convidados de Caixón de sastre, o magacin matutino de Radio Obradoiro. Francisco Reyes referiuse, entre outras cuestións, ó proxecto do goberno local de construir unha rotonda na Rúa das Galeras. O executivo argumenta que vai beneficiar a tódolos veciños, que esta fin de semana se mobilizaron en contra, porque mellorará a mobilidade na zona. Mentres, a oposición non o ve tan claro.

De feito, e segundo Francisco Reyes, "todo o proceso de tramitación da rotonda é sospeitoso". Segundo dixo, "a aprobación do convenio en Xunta de Goberno se lle ocultou ós medios e á oposición para que non se puidera fiscalizar". Engadiu que "esa non é a mellor garantía". O portavoz socialista lembrou que "no expediente falta o informe que xustifique a mellora da mobilidade na zona, e tamén o que xustifique o interese público da obra". Quere que o executivo "se explique, aporte os informes necesarios e teñamos acceso ó expediente".

Reyes respondeulle ó alcalde que, tamén nesta emisora e ó ser preguntado pola oposición do PSOE á rotonda de Galeras, afirmou aquelo de que "o señor Reyes está en Vigo e impórtalle moi pouco esta cidade". O portavoz socialista quiso lembrarlle ó rexedor que "eu pago os meus impostos en Santiago, mentres Ángel Currás o fai en Teo".  Dixo ademais que "é unha honra para min ter gañado varios concursos e ser profesor asociado na Universidade de Vigo, onde teño 4 horas de clase á semana. Eu non teño dependencia dunha carreira política nin dun cargo político".

Por outra banda, o concelleiro socialista referiuse á operación Pokémon. Logo de insistir no dano que lle está a facer este asunto á cidade, indicou que "o que se está a demostrar non só no sumario senón polas declaracións públicas dalgúns membros do executivo, é que o PP goberna a súa finca particular e non a cidade de tódolos composteláns". Preguntado polo presunto financiamento irregular do PSOE, Reyes reiterou que "coa información que teño confío no arquivo das dilixencias". Iso sí, non quixo confirmar se estaría disposto a poñer a man no lume polos seus compañeiros de partido.

En opinión de Reyes, o equipo de goberno "está máis preocupado por defender as súas posicións diante dos tribunais, que por resolver os problemas da cidade". Entre eses problemas citou o do mantemento dos colexios. Segundo o edil, "practicamente tódolos centros de Santiago están na mesma situación que o Monte dos Postes, porque no verán non se fixo o mantemento necesario". Botoulle en cara ó executivo que "dende daquela o único que fixo foi prometer que se ía contratar unha empresa para que se ocupara dese mantemento".

Síguenos en twitter y facebook