El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Traballan sobre a violencia de xénero a través do teatro-foro

Participan neste proxecto do Concello os estudantes dos centros Xelmírez I, Xelmírez II e Pontepedriña

REDACCIÓN   | 14.03.2018 
A- A+

Santiago. O Concello de Santiago ten posto en marcha en varios centros de Compostela o proxecto Teatro-foro a través do cal os alumnos traballan sobre varias temáticas. Un dos centros participantes é o IES Xelmírez I, no que o alumnado de cuarto da ESO traballou sobre a violencia de xénero, e que onte recibiu a visita da concelleira de Mocidade, Noa Morales. Tal e como sinalou a responsable de Mocidade, "trátase dun proxecto piloto co que queremos impulsar e empregar o teatro foro como instrumento catalizador". Noa Morales explicou que "esta actividade se basea nunha forma teatral de creación colectiva, o que permite fomentar o traballo en equipo nos institutos".

Na sesión representouse unha obra, que parte da análise das inquedanzas, problemas e aspiracións da comunidade á que van dirixidas. Unha vez representado o espectáculo, os e as espectadores/as poden participar converténdose en actores e actrices da obra.

Ademais do IES Xelmírez I, tamén participan o IES Xelmírez II e o IES Pontepedriña, que crearán diversas pezas teatrais para abordar dende esta metodoloxía temas coma o ciberacoso, a violencia de xénero ou a prevención de drogodependencias.

Este programa implica que os mozos e mozas teñan un papel activo con roles definidos e cunha participación activa por parte do público, cuxos integrantes pasan a ser especta-actores en vez de espectadores. As pezas teatrais resultantes serán de, como máximo, 20 minutos, e prepararanse en 8 sesións de 2 horas.