Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un grupo de 19 'Scouts' galegos reuniránse nos Ancares nun encontro para fomentar o voluntariado

    Un total de 19 mozos e mozas scouts procedentes de diversos puntos de Galicia reuniranse esta fin de semana no lugar de Cervantes para compartir tres días de convivencia e intercambio. Este encontro é posible grazas á subvención “Iniciativa Xove” concedida pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pertencente á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

    Trátase dun espazo de encontro, debate e acción no que participan os scouts que teñen entre 16 e 19 anos. O obxectivo desta xuntanza é trazar un camiño de unidade entre os distintos grupos scouts de Galicia, definir e organizar proxectos de incidencia social e debater diferentes aspectos que lles afectan directamente como mozos e como scouts.

    Dentro do programa que os propios mozos/as deseñaron para esta fin de semana, atópase unha acción de voluntariado que vén a materializar o compromiso que teñen os scouts de cara á sociedade e ó seu entorno. Desta vez, os scouts participarán na limpeza da ribeira do río Miño en Lugo coincidindo coa celebración da IV Xornada de Limpeza Simultánea de Ríos organizada pola asociación Adega.

    Ademais, ó longo da fin de semana haberá tamén un espazo para actividades deportivas aproveitando o entorno no que terá lugar o encontro. Deste xeito, os asistentes participarán nunha rota en kaiak grazas á empresa de actividades de aventura Ferventia.

    Reflexións e debates propostos polos eles mesmos completan a axenda deste encontro, unha Asemblea que busca fomentar a autonomía, o carácter crítico dos scouts e a incidencia das súas opinións no contexto global da mocidade.

    Scouts de Galicia – Escutismo Católico Galego é unha Federación interdiocesana aprobada pola Conferencia Episcopal Española que reúne a preto de 500 nenos e a máis de 100 responsables adultos organizados en 13 grupos scouts. Cada un destes grupos traballa con rapaces de 8 a 19 anos incidindo na súa educación integral a través do tempo libre, contribuíndo ó seu desenvolvemento persoal e social e buscando neles persoas comprometidas, críticas e capaces de cambiar o seu entorno a mellor.

    27 sep 2013 / 12:24
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito