El Correo Gallego

Tecnoloxía

Asus presenta smartphone para gamers

The ROG Phone será un teléfono de grande potencia e cunha pantalla cunha elevada velocidade de refresco

MARCUS FERNÁNDEZ  | 05.06.2018 
A- A+

Os smartphones para gamersparecen terse convertido en tendencia, pese a ter aínda unha demanda moi limitada, sendo Asus o último fabricante en avanzar neste eido cun teléfono da familia Republic of Gamers (ROG) que pode verse dende hoxe mesmo no Computex de Taipei (Taiwán).
The ROG Phone é un dispositivo máis que impresionante, cun procesador exclusivo Qualcomm Snapdragon 845 de 8 núcleos a 2,96 GHz con gráfica Adreno 630, 8 GB de RAM LPDDR4X, 128/512 GB de almacenamento interno (UPS 2.1), pantalla AMOLED de 6 polgadas cunha resolución de 2.160 x 1.080 píxeles e unha velocidade de refresco de 90 Hz (cun tempo de resposta de só 1 milisegundo) e con soporte de HDR, cámara traseira dual (de 12 e 8 Mpíxeles), cámara frontal de 8 Mpíxeles, Wi-Fi AD, Bluetooth 5.0, NFC, USB-C, DisplayPort 1.4, altofalantes estéreo frontais, batería de 4.000 mAh con carga rápida, un grosor de 8,6 milímetros e un peso de 200 gramos.
Para poder funcionar a pleno rendemento integra un sistema de disipación de calor avanzado que incluso pode mellorarse cun sistema de refrixeración opcional na súa parte traseira, deixando claro que estamos ante un dispositivo pensado en funcionar a tope en longas sesións de xogo.
Aínda que a interface principal de control deste teléfono é a súa pantalla multitáctil, tamén integra AirTriggers, uns botóns ultrasónicos situados nos bordes do móbil nunha disposición semellante á dos gatillos dos gamepads, que poden personalizarse en función do xogo que esteamos a usar.

Pero a cousa non queda aí, e Asus decidiu que este produto non chegará so, e comercializará tamén un Mobile Desktop Dock, unha base que facilita a conexión do smartphone a un monitor de até 4K, a periférios USB, a altofalantes 5.1 e incluso a unha toma de rede Gigabit Ethernet.
Tamén será posible adquirir o TwinView Dock (un sistema que integra unha pantalla secundaria ao smartphone, á vez que tamén inclúe unha batería auxiliar de 6.000 mAh.
Para completar esta familia de accesorios teremos o WiGig Dock, unha base que a través de Wi-Fi AD consegue transmitir sen fíos o sinal do móbil a un televisor, buscando así unha experiencia de uso semellante á dunha consola doméstica.
Todos estes produtos están previstos ver a luz no terceiro trimestre do ano a un prezo por determinar.