El Correo Gallego

Tecnoloxía

Bayonetta chega a Steam

O xa clásico xogo de PlatinumGames, tras o seu paso por Xbox 360, PS3 e Wii U, chega a PC en formato descargable

MARCUS FERNÁNDEZ  | 12.04.2017 
A- A+

A finais de 2009 PlatinumGames fixo historia co seu Bayonetta, xogo de acción moi admirado queconseguiu unha puntuación perfecta na revista Famitsu e que tivo unha estrea comercial algo accidentada por filtrarse copias do xogo 4 semanas antes do seu lanzamento (pois este título tería que ter saído á venda en xaneiro de 2010, e non en decembro de 2009). O xogo estreouse en versións para Xbox 360 e PS3, e anos máis tarde adaptouse a Wii U, xa que tal plataforma conseguiu a exclusividade da súa secuela e agora sorprenden estreando o xogo en Steam, ou sexa, que os xogadores de PC finalmente teñen dispoñible este título para consolas da anterior xeración.

Deste xeito temos dispoñible por 19,99 euros Bayonetta na súa edición dixital de luxo, que inclúe contidos adicionais (a banda sonora orixinal e un libro de ilustracións en formato dixital) e atópase debidamente actualizado para soportar animacións até a 60 imaxes por segundo e con gráficos que poidan amosarse até a resolucións de 4K.

Esta aventura conta a historia de Bayonetta, a última supervivente dun antigo clan de bruxas que mantén o equilibrio entre a luz, a escuridade e o caos, que na súa misión terá que enfrontarse a incontables e anxelicais inimigos e xigantescos rivais en combates con acción frenética. Haberá que dominar numerosos combos para encadear potentes ataques cunha estética moi curiosa, na que tanto veremos golpes e disparos como poderes máxicos que contribuirán a enriquecer a estética fantástica deste curioso beat’em up.