El Correo Gallego

Tecnoloxía

A carga eléctrica a distancia avanza cara ao mercado de consumo

Certifican nos EE.UU. unha solución que permite cargar dispositivos electrónicos sen fíos a distancia, facilitando que nos vindeiros anos moitos escenarios poidan librarse completamente dos cables.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 28.12.2017 
A- A+

Levamos moitos anos facendo os nosos dispositivos electrónicos cada vez máis libres de fíos, pero cando se trata de achegar corrente eléctrica as solucións que empregamos non dan a liberdade que perseguimos, xa que precisan de contacto para a transferencia de carga por indución, o que Energous quere converter en cousa do pasado grazas á súa tecnoloxía de carga sen fíos a distancia, que vén de recibir certificación da Comisión Federal de Comunicacións (FCC) dos EE.UU., sendo a primeira solución deste tipo en conseguir tal autorización, o que supón un importante salto adiante para o fogar conectada, a Internet das Cousas e os dispositivos móbiles.
Os produtos que recibiron a certificación da FCC son os transmisores WattUp de campo medio, que envían carga a distancia a dispositivos empregando radiofrecuencia, que poden considerarse así axustados aos requisitos de regulamento e seguridade, estando así máis preto de incorporarse en produtos de consumo.
O sistema de Energous certificado pode alimentar varios dispositivos electrónicos até a un metro de distancia ou mediante contacto, incluíndo tamén compatibilidade coa carga rápida tan frecuente agora en smartphones e tabletas, e opera seguindo unha norma que busca garantir a interoperabilidade entre receptores e transmisores, de xeito que poderá haber distintos fabricantes que adopten esta tecnoloxía nos vindeiros anos para facer unha realidade o soño de librar a tecnoloxía do noso día a día de cables.
A autorización da FCC é só un fito para esta tecnoloxía que continuará a evolucionar para mellorar en potencia, distancia, eficiencia e escala, de xeito que nun futuro poderemos ver como se agocha no marco de monitores de ordenador, en altofalantes, televisores e moitos outros produtos de electrónica de consumo, resultando case invisible.
Energous levará esta tecnoloxía ao seu expositor no CES de Las Vegas entre os días 9 e 12 de xaneiro, no que promete ser unha das solucións que máis captará a atención dos medios por ser todo un adianto do futuro.