El Correo Gallego

Tecnoloxía

Chegan os televisores 8K

Sharp comeza a vender os seus televisores 8K en Europa a un prezo de 11.199 euros e sen contidos audiovisuais que aproveiten tal resolución.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 20.04.2018 
A- A+

A absurda carreira pola resolución de pantalla nos televisores non cesa, e pese ao reducida que é a oferta de contidos en 4K (lembremos que en Galicia as salas de cine con pantallas máis grandes aínda teñen proxectores Full HD) Sharp vai pór á venda en Europa este mesmo mes o seu televisor Aquos LV-70X500E. Estamos ante un televisor 8K de 70 polgadas, que terá un prezo de 11.199 euros e que carece de contidos audiovisuais que poidan tirar proveito do seu panel de 7.680 x 4.320 píxeles, de xeito que practicamente o único xeito de poder gozar da súa pantalla sería cargándolle fotografías por USB.
Este impresionante televisor conta con HDR e esfórzase en facer reescalado de resolucións inferiores para conseguir unha boa reprodución dos contidos actuais. Tamén ten altofalantes 2.1 integrados cunha potencia de saída de 35 watts.
Estamos, sen lugar a dúbidas, ante un produto totalmente carente de sentido para o mercado doméstico, xa que nin sequera existe unha previsión temporal para a adopción do 8K en vídeo, e polo momento só hai unhas poucas iniciativas piloto que tardarán anos en materializar nalgo que vaia máis aló dun par de grandes eventos ao ano (por exemplo, os Xogos Olímpicos de 2020 retransmitiranse en 8K, pero polo momento non sabemos se esas emisións chegarán a Europa).