El Correo Gallego

Tecnoloxía

En Compostela falan galego nun videoxogo ambientado no século XII

A adaptación a ordenadores e consolas da obra de Ken Follett, The Pillars of the Earth, conta con textos en galego para representar a fala dos cidadán de Santiago de Compostela nas distintas versións localizadas do xogo.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 03.04.2018 
A- A+

O pasado verán veu a luz para Xbox One, PlayStation 4 e PC o videoxogo baseado na serie de libros de Ken Follett Os Piares da Terra, pero esta aventura do estudio independente Daedalic Entertainment non chegou de vez, senón que, emulando á obra orixinal, foise actualizando para artellarse en 3 entregas nas que asumimos os roles de Jack, Aliena e Philip, podendo explorar a obra de Follett e cambiar o rumbo da historia con palabras e decisións.
O xogo ambientado na Inglaterra do século XII permítenos ir vendo como se desenvolven varias historias durante a construción dunha catedral, de xeito que podemos vivir a historia como a nobre caída en desgraza Aliena, o paria convertido en construtor Jack e o monxe Philip, que móvense a través de máis de 200 escenarios pintados a man. O terceiro libro do xogo publicouse o pasado xoves, polo que a obra xa está completa, de xeito que quen merque o xogo agora non terá que agardar ao lanzamento dos distintos episodios.

Ken Follett’s The Pillars of the Earth presenta gráficos cun estilo de animación 2D, unha banda sonora a cargo da orquestra FILMharmonic de Praga e voces dobradas ao inglés e ao alemán (con subtítulos en español), aínda que no apartado lingüístico agocha unha sorpresa moi interesante: durante a visita de Aliena a Santiago de Compostela os personaxes do lugar falan en galego en todas as versións do xogo.