El Correo Gallego

Tecnoloxía

Google publica unha aplicación para liberar espazo no móbil

Files Go fai doado borrar arquivos no noso teléfono con Android e tamén facilita o envío de datos a outros móbiles sen consumir a nosa tarifa de datos

MARCUS FERNÁNDEZ  | 05.12.2017 
A- A+

Unha das novidades de Android Oreo (Go edition) é a nova aplicación Files Go, que busca paliar os problemas de moitos smartphones con pouca capacidade de almacenamento interna (hai dispositivos con só 4 GB de espazo) o que fai que a acumulación de imaxes, vídeos, aplicacións e documentos sexa complicado de administrar, e para o que a nova ferramenta axudará facendo doada a liberación de espazo, permitindo tamén localizar rapidamente os arquivos e compartilos con outras persoas.
Files Go achega suxestións personalizadas sobre os arquivos que podemos borrar do móbil (aplicacións que non usamos, arquivos grandes ou duplicados, vídeos ou memes de baixa resolución...), fai doado localizar os ficheiros sen ter que navegar polos distintos cartafoles (explorando así entre imaxes, vídeos, aplicacións... mediante filtros), permite crear copias de seguridade dos arquivos na nube e compartir arquivos sen conexión (podendo enviar de xeito cifrado arquivos a un amigo que estea preto sen ter que consumir datos móbiles).
Aínda que estamos ante unha ferramenta desenvolvida coa vista posta en Android Oreo (Go edition), Files Go funciona con dispositivos a partires de Android 5.0 (Lollipop) polo que a meirande parte dos usuarios actuais de smartphones poderán tirar proveito desta aplicación para liberar espazo no seu dispositivo e compartir arquivos dun xeito rápido e doado.