El Correo Gallego

Tecnoloxía

Microsoft cimenta a plataforma Xbox

A conferencia de Microsoft durante a feira E3 serve para anunciar a compra de varios estudios que garantirán numerosos xogos exclusivos para Xbox e Windows 10

MARCUS FERNÁNDEZ  | 11.06.2018 
A- A+

A actual xeración de consolas de videoxogos está a ser menos competitiva do que sería de esperar, pois unha serie de malas decisións no lanzamento da Xbox One fixo que Microsoft non conseguise manter o pulo da súa Xbox 360, deixando que a PlayStation 4 dominase amplamente o mercado das grandes consolas domésticas, pese a que a compañía de Redmond teña actualmente o mellor hardware e os mellores servizos.
A grande eiva de Microsoft semella ser a carencia de grandes xogos exclusivos, algo que Sony coida especialmente grazas a ter moitos estudios de seu, e durante a presentación da pasada noite semella que as posicións vai achegarse, e por fin Microsoft pode inspirar confianza aos xogadores, xa que está a fornecer a súa propostas con melloras nos servizos e a adquisición de novos estudios que garantirán un futuro prometedor para a plataforma Xbox coa vista posta na vindeira xeración de consolas (aínda que a actual xeración tamén verase moi beneficiada).
A presentación de Xbox no E3 foi a máis grande de toda a historia de Microsoft, con máis de 6.000 asistentes no Microsoft Theater que puideron ver presentacións de 52 xogos, 15 lanzamentos exclusivos e 15 primicias mundiais. Tivemos así grandes exclusivos como Forza Horizon 4, Halo Infinite e Gears of War 5, xogos independentes como Session, Below, Ashen e Tunic, grandes producións como Fallout 76, Tom Clancy’s The Division 2, Kingdom Hearts 3, Devil May Cry 5, Battlefield V, Metro Exodus e Shadow of the Tomb Raider, que en moitos casos tirarán proveito da potencia da Xbox One X (actualmente hai máis de 220 títulos mellorados para esta máquina).

Fortes investimentos en contidos exclusivos

Para fornecer o catálogo de exclusivos para Xbox e Windows 10, Microsoft anunciou a compra de 5 estudios de videoxogos que pasarán a formar parte da familia de Microsoft Studios: The Initiative (novo selo encabezado por Darrel Gallagher, que vén de dirixir os novos xogos de Tomb Raider), PlayGround Games (responsables de xogos de condución como Forza Horizon 4), Ninja Theory (que colleitou ultimamente grandes éxitos con Hellblade: Senua’s Sacrifice), Undead Labs (responsables da franquía State of Decay) e Compulsion Games (creadores do emblemático Contrast e do esperado We Happy Few).
Estas compras garantirán que moitos xogos sexan exclusivos para plataformas de Microsoft, permitindo así competir en igualdade con PlayStation, aínda que probablemente tardaremos un par de anos en ver os froitos destas adquisicións.

Xbox Game Pass

O revolucionario servizo de subscrición de xogos de Microsoft para consolas, Xbox Game Pass, recibirá novos xogos no seu catálogo, como Fallout 4, The Elder’s Scrolls Online: Tamriel e The Division, así como os grandes xogos de Microsoft que chegarán nos vindeiros meses, como Forza Horizon 4, Crackdown 3, Gear 5 e Halo: The Master Chief Collection.
Tamén anticiparon que están a traballar nun servizo de streaming de videoxogos, que achegaría o acceso a xogos con calidade de consola a case calquera trebello.

FastStart (Xbox One)

Con FastStart acelerarase enormemente o comezo das partidas tras o comezo da descarga dos xogos que empreguen esta tecnoloxía que permite comezar a xogar cando só se descargou unha fracción dun xogo (manténdose a descarga en segundo plano). Trátase dun sistema que prioriza a descarga dos ficheiros os que se fará uso antes, para non eternizar os comezos das partidas tras a compra ou descarga dun xogo, pois aínda que as conexións domésticas á Rede sexan cada vez mellores, os xogos tamén teñen volumes de descargas moi importantes (hai títulos que ocupan máis de 50 GB).

Grande catálogo de xogos

Aínda que a Xbox One non consegue aínda estar á altura da PS4 en títulos exclusivos, para títulos multiplataforma está a consolidarse como a mellor plataforma para xogar, e Microsoft aproveitou a súa conferencia da pasada noite para adiantar detalles de numerosos lanzamentos.
Entre as novidades, na conferencia ofreceron imaxes en primicia de Battlefield V, amosaron o xogo masivo multiusuario Black Desert, detallaron que Crackdown 3 farse esperar até febreiro de 2019, anunciaron Cuphead: The Delicious Last Course (primeiro DLC do aclamado Cuphead), permitiron botar unha ollada ao esperadísimo Cyberpunk 2077 (xogo dos creadores da franquía de The Witcher), anunciaron Devil May Cry 5 (que verá a luz na primavera de 2019 recuperando o Dante clásico en vez da súa versión renovada en 2013), amosaron Dying Light 2 e Fallout 76, anunciaron Forza Horizon 4 para o 2 de outubro, avanzaron que Gears 5 verá a luz en 2019 (sorprendendo a franquía tamén cun xogo móbil chamado Gears POP! E un xogo de estratexia por quendas, Gears Tactics), confirmaron que Halo Infinite será a nova entrega das aventuras do Xefe Mestre, entusiasmaron aos afeccionados aos xogos de loita con Jump Force (xogo que mesturará a personaxes de As Bolas Máxicas, Naruto, One Piece e outras series de animación xaponesas), confirmaron que Xbox One terá as producións Square Enix Just Cause 4, Kingdom Hearts III e Nier: Automata (este último nunha edición máis completa que a lanzada en PlayStation 4), aseguraron que Ori and The Will Of The Wisps chegará en 2019 en exclusiva para Xbox One e Windows 10, insistiron en que PlayerUnknown’s Battlegrounds é un lanzamento do que en consola teñen a primicia, deron máis detalles sobre Sea of Thieves, anunciaron que Sekiro: Shadows Die Twice sairá á venda a primeiros de 2019, amosaron novas imaxes do esperado Shadow of the Tomb Raider, adiantaron que no inverno estrearán Tales of Vesperia: Definitive Edition para celebrar o 10º aniversario desta serie de xogos de rol, presentaron The Awesome Adventures of Captain Spirit (xogo de Square Enix con vencellos co reputado Life is Strange), avanzaron detalles de The Division 2 e tamén reservaron espazo para We Happy Few (título que sairá á venda o 10 de agosto).
En definitiva, deixaron claro que os usuarios de Xbox One poden estar tranquilos ao saber que a súa consola vai ter un bo catálogo de xogos nos vindeiros meses, e incluso sentaron os alicerces para atraer a novos xogadores no futuro.