El Correo Gallego

Tecnoloxía

Nace unha asociación para representar ao sector da produción de videoxogos en Galicia

Videoxogo.gal presentouse hoxe en sociedade nun local coruñés no que deron conta dos seus obxectivos.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 14.06.2018 
A- A+

Hai un par de meses formalizouse a Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos, Videoxogo.gal, para potenciar a súa industria dos videoxogos na comunidade galega servindo de ponte entre as empresas do sector para crear sinerxías e dinamizar dinamizar o seu sector, e hoxe presentouse esta iniciativa en sociedade nun acto que tivo lugar na Coruña e onde o presidente da asociación, Fernando Prieto (do estudio Gato Salvaje) explicou os obxectivos que se teñen marcado e anunciou que como incentivo para asociarse os integrantes de Videoxogo.gal poderán acceder sen custo adicional á vindeira edición de Mundos Digitales, congreso que desenvolverse en PALEXCO na Coruña entre os días 5 e 7 de xullo.

Marcus Fernández
Luz Castro, da empresa compostelá Imaxin Software, ocupa a tesourería da nova asociación
FOTO: Marcus Fernández

Durante o acto de presentación, a tesoureira de Videoxogo.gal, Luz Castro (Imaxin Software), tamén instou aos presentes a interesarse pola nova entidade e animarse a xuntar forzas a prol dun sector que precisa dunha maior visibilidade en Galicia.
Entre os obxectivos da nova asociación figura tamén a promoción da produción de entretemento dixital como unha actividade relevante e innovadora dentro do lecer, a cultura a Industria 4.0 e as TIC, o fomento da competitividade e a internacionalización, o desenvolvemento dunha industria ao redor da produción de lecer dixital, a representación do sector en distintos foros e incluso a busca do recoñecemento en Galicia do entretemento dixital como produto cultural.
Videoxogo.gal nace da asociación das empresas Gato Salvaje, Imaxin Software, Ficción Producciones e Datalawyers, esperando aglutinar nos vindeiros meses a moitos outros socios que exerzan a súa actividade en Galicia e como actividade principal teñan a produción, creación e desenvolvemento de software de lecer ou participen a nivel profesional na cadea de valor do sector dos videoxogos ou dos contidos interactivos. A asociación tamén está aberta a estudantes que estean a formarse no sector.