El Correo Gallego

Tecnoloxía

NBA 2K18 e NBA Live 18 chegan simultaneamente ás tendas

Este ano EA Sports e Activision miden as súas forzas poñendo o mesmo día á venda os seus respectivos videoxogos de baloncesto.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 15.09.2017 
A- A+

Esta semana pode considerarse como a do lanzamento dos videoxogos deportivos da tempada, pois saen á venda grandes títulos de hóckey, fútbol e baloncesto, pero mentres o Pro Evolution Soccer 2018 chega ás tendas, o FIFA 18 confórmase con lanzar unha versión de demostración (saíndo á venda nun par de semanas), de aí que o enfrontamento que chama poderosamente a atención está nas canchas de baloncesto, por saíren o mesmo día á venda o NBA 2K18 e o NBA Live 18.

Cómpre salientar que a franquía líder que o vai ter máis doado nos estantes das tendas é a de 2K, podendo xa adquirirse NBA 2K18 para Xbox OnePlayStation 4 e PC, cun prezo base de 69,99 euros en consola e 49,99 euros para ordenadores, e ofrecendo un nivel de realismo que está considerado líder non só na recreación do baloncesto profesional, senón nos deportes en xeral, sendo o xogo ao que aspiran o resto de simuladores deportivos. Para transmitir unha sensación aínda máis televisiva, o xogo conta cun contido descagable que engade as voces de tres dos xornalistas de baloncesto máis prestixiosos de España: Antoni Daimiel, Sixto Miguel Serrano e Jorge Quiroga.

NBA Live 18 vai telo complicado para non pasar desapercibido, estando xa dispoñible para Xbox One e PlayStation 4 a un prezo de partida de 69,99 euros (quedando sen versión para PC), e buscando atraer aos xogadores cunha oferta diferente, o que queda visible con The One, unha experiencia que convida a experimentar a traxectoria profesional dun xogador. O que si resulta especialmente rechamante por parte deste xogo de EA Sports é que estrea a presenza da WNBA, ou sexa, da liga feminina de baloncesto.