El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Plex Cloud, o Netflix dos teus contidos multimedia almacenados na nube

Os subscritores de Plex Pass poderán gozar das súas películas e series de televisión almacenadas en Dropbox, Google Drive ou OneDrive a través dunha interface semellante ás de servizos como Netflix ou Wuaki TV.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 09.03.2017 
A- A+

Plex é un servidor de contidos multimedia, que permite transmitir as nosas coleccións de fotografías, música e vídeos en calquera momento e lugar a calquera dispositivo que conte cunha versión da aplicación cliente de Plex (ordenadores, consolas de videoxogos, televisores conectados, smartphones, tabletas...) contando cunha interface atractiva que engade información sobre os contidos (como portadas e sinopses de películas e series de televisión) e incluso permite levar un control dos contidos reproducidos (marcando se algo xa se veu e conservando o último punto de reprodución), no que podería describirse como un Netflix coa nosa colección multimedia persoal.
O software de servidor funciona normalmente nun ordenador ou disco duro con conexión á rede, pero nos últimos meses estivo en probas unha versión do mesmo que funcionaba na nube, e tras unha beta pechada o servizo Plex Cloud ábrese a todos os subscritores de Plex Pass, de xeito que os que queiran gozar desta atractiva prestación só terán que pasar por caixa (sen ter que agardar a ser incluído no programa pechado de probas), o que abriralles a posibilidade de gozar das vantaxes de Plex con contidos almacenados nos servizos de almacenamento na nube de Dropbox, Google Drive e OneDrive (persoal). Por desgraza o sistema retirou a compatibilidade con Amazon Drive (que tiña almacenamento ilimitado na nube) por non conseguir operar con estabilidade con tal plataforma.
Estamos ante o meirande incentivo para contratar Plex Pass, servizo que custa 4,99 euros/mes (ou 39,99 euros/ano), e que ate o momento tiña só un reducido número de prestacións reservadas para subscritores (como a sincronización entre dispositivos ou a posibilidade de gozar de varias contas de usuario), pero que ao facilitar o uso dun servidor Plex na nube gaña enteiros, por achegar un xeito moi cómodo de gozar de Plex dende varios dispositivos e incluso en mobilidade, sen ter que ter un servidor acendido as 24 horas.