El Correo Gallego

Tecnoloxía

A rede móbil de Vodafone é a mellor de España en 2017

Un estudo de P3 Connect confirma a calidade da rede móbil de Vodafone, que sería a mellor do Estado e incluso agrandaría a distancia cos seus competidores dende o ano pasado

MARCUS FERNÁNDEZ  | 21.11.2017 
A- A+

A compañía internacional de servizos de consultoría, enxeñaría e probas, P3, repetiu este ano o seu Mobile Benchmark en España para medir a calidade dos servizos de telefonía móbil dos 4 operadores con rede de seu, conseguindo uns resultados moi semellantes aos do ano pasado, ou sexa, confirmando que Vodafone é o operador que ofrece o mellor servizo no territorio español e incluso distánciase máis dos seus competidores.
Para o estudo realizaron probas por 17 das cidades máis grandes de España, cada unha con máis de 100.000 habitantes, aínda que tamén visitaron poboacións máis pequenas, circulando tamén por estradas e autoestradas, conseguindo así uns datos bastante exhaustivos das redes de telefonía 4G, que non paran de mellorar en calidade. Este percorrido pola xeografía española fíxose nun vehículo equipado cun sistema para recoller as mostras de calidade dos distintos operadores, e no caso galego fixeron parada en Vigo e Verín.
P3 Connect considera que a calidade de servizo de Vodafone é notable (conseguindo unha puntuación de 902 puntos), mentres que Movistar (836) e Orange (832) quedarían cunha nota de ben e Yoigo (741) tería que conformarse cun suficiente. Como curiosidade, no servizo de voz Orange conseguiu colocarse nun segundo posto grazas a ofrecer VoLTE, aínda que cómpre advertir de que tal resultado correspóndese ás grandes cidades, mentres que en vilas e estradas Movistar continúa a ofrecer un mellor servizo.

O vehículo de P3 Connect está equipado con sistemas que miden a calidade das redes móbiles dos 4 principais operadores

Aínda que os servizos de voz presentaron uns resultados moi semellantes aos das probas de 2016, no que a datos se refire a mellora foi importante, especialmente en poboacións pequenas, onde melloraron a súa rede todos os operadores.
Para unhas medicións máis completas P3 Connect engadiu este ano como factor o crowdsourcing, para o que colleron datos de dispoñibilidade de rede de xeito masivo para medir a excelencia operacional, confirmando que as redes móbiles españolas son moi estables. Durante as probas realizadas entre agosto e outubro só detectaron unha breve incidencia na rede de Vodafone o 2 de outubro pola tarde e outra de Yoigo o 16 de agosto pola mañá, que non terían impacto dabondo como para mudar os resultados xerais.