El Correo Gallego

Tecnoloxía

Sae á venda Destiny 2

O novo videoxogo de Bungie conta co actor galego Luís Tosar interpretando ao malvado Ghaul.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 07.09.2017 
A- A+

Tras afastarse do paraugas de Microsoft, Bungie xuntou forzas con Activision para prepara o revolucionario xogo Destiny, que por fin estrea secuela, Destiny 2, xogo que podemos mercar xa para Xbox One e PlayStation 4, mentres que a versión para PC farase agardar até o 24 de outubro. Pero no só as consolas toman a dianteira neste lanzamento, senón que tamén entre elas hai diferenzas, e Sony tivo a ben conseguir que a súa PS4 reciba o contido adicional do xogo en primicia (co que buscan que os xogadores máis fieis da saga opten pola plataforma de Sony).
Destiny 2 traslada aos xogadores nunha viaxe épica para defender á humanidade da súa aniquilación, de xeito que haberá que dominar novas habilidades e armas para xuntar as forzas da última cidade segura da Terra, tomada por un poderoso exército ante o que haberá que recuperala.
Aínda que estamos ante un xogo orientado ao multixogador, conta cunha grande historia, personaxes impresionantes e un malvado vilán, que na súa dobraxe ao español está interpretado polo actor galego Luís Tosar, o que é un incentivo máis para achegarse a este título que promete moitas horas de diversión e, especialmente, xuntar a unha ampla comunidade de xogadores ao seu redor.

Con Destiny 2 Tosar estréase no mundo dos videoxogos, asegurando o actor que «foi estupendo participar neste proxecto, e moi distinto ao que estou afeito a facer na miña faceta como actor. Traballar nun videoxogo permítete recrear facilmente situacións extremas, e date a oportunidade de interpretar a personaxes moi interesantes, que viven en incribles escenarios fora do común» engadindo que o papel de Dominus Ghaul, comandante da Lexión Vermella, «permitiume explorar novos rexistros de voz, que descoñecía».