El Correo Gallego

Tecnoloxía

Xiaomi adiántase ao novo iPhone co Mi MIX 2

O novo teléfono do fabricante chinés prescinde de 3 dos 4 marcos frontais, converténdose en todo un referente en deseño.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 11.09.2017 
A- A+

O pasado outono Xiaomi sorprendeu ao mundo do seu smartphone Mi MIX, que presentaba unha pantalla de 6,4 polgadas sen marcos laterais nin superiores, de xeito que a pantalla chegaba a ocupar o 91,3% da superficie frontal do terminal en contraste co 67,7% que ocupa a pantalla do iPhone 7 Plus, de xeito que tiñamos a impresión de que o fabricante chinés conseguira adiantarse a Apple en case un ano. Pero como os novos iPhone non chegarán até mañá, aínda había tempo para que Xiaomi puidese demostrar o seu nivel de innovación e o coidado deseño do que son quen, e decidiron celebrar unha grande presentación xusto na véspera da cita de Apple, buscando claramente confrontar a oferta de ambas compañías para os vindeiros meses, e situando no escaparate o seu novo Mi MIX 2.
O Mi MIX 2 non avanzou medrando en todos os factores, senón que presenta un deseño máis racional, de xeito que optaron por reducir lixeiramente o seu tamaño para facelo máis manexable (algo que agradecerán moitos usuarios, xa que a carencia de marcos fai que o dispositivo sexa bastante fráxil, e un tamaño demasiado ancho pode dificultar o seu agarre). Temos así unha pantalla de 5,99 polgadas cunha resolución de 2.160 x 1.080 píxeles (relación 18:9), procesador Qualcomm Snapdragon 835, 6 GB de RAM, 64/128/256 GB de almacenamento interno, cámara traseira con sensor Sony IMX386 de 12 Mpíxeles e estabilización óptica de 4 eixes, novo altofalante de membrana de alta potencia (corrixindo así o mal resultado do altofalante piezoelétrico da xeración anterior), batería de 3.400 mAh recargable por USB-C, Bluetooth 5.0 e 43 bandas LTE (para aproveitar a banda larga móbil dispoñible en todo o mundo).

Sae á venda con 6 GB de RAM e capacidades de almacenamento de 64, 128 e 256 GB por 3.299 iuans (421 euros), 3.599 iuans (459 euros) e 3.999 iuans (510 euros) respectivamente, aínda que tamén haberá unha Special Edition con corpo cerámico, 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento a un prezo de 4.699 iuans (600 euros), que é o modelo que busca converterse no grande referente no que a deseño de luxo se refire. Aínda que poden parecer prezos elevados para móbiles chineses, realmente estamos ante smartphones que compiten coa alta gama de Apple e Samsung, móbiles que custan practicamente o dobre, polo que o Mi MIX 2 podería converterse en nun produto moi atractivo para usuarios que queren ter un smartphone cun deseño impresionante, aínda que prescinda dunha pantalla cunha calidade como as de Samsung ou da dobre cámara que imperou nos últimos meses.