El Correo Gallego

Tecnoloxía

A Xunta considera que as TIC son chave para o turismo

Núñez Feijoo salientou o potencial da Internet para o turismo na presentación do proxecto A Mariña Virtual

MARCUS FERNÁNDEZ  | 19.03.2018 
A- A+

Da man do Concello de Foz, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), a Axencia Turismo de Galicia e a Secretaría Xeral de Presidencia ve finalmente a luz o proxecto A Mariña Virtual, iniciativa que pretende achegar o coñecemento da zona dun xeito lúdico, divertido e sensorial a través dunha oficina de turismo virtual localizada no andar baixo do edificio do CENIMA, no que comparten espazo distintas tecnoloxías que facilitan un grande nivel de interacción.
Na Mariña Virtual concéntranse todos os tesouros da Mariña luguesa na súa forma máis moderna e interactiva, un espazo no que todos os visitantes interactúan en poden descubrir os segredos e enclaves da comarca dende múltiples puntos de vista. Coa axuda das TIC, neste centro integral de turismo os visitantes poden descubrir todo o potencial dun destino como A Mariña luguesa que con preto de 100 quilómetros de costa e na Serra do Xistral esconde non só marabillas naturais, senón que conserva a pegada do seu pasado nos seus enclaves de patrimonio cultural.

Este  novo centro integral de turismo presentouse esta mesma tarde, nun acto que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia e o alcalde de Foz, e no que os asistentes puideron coñecer de primeira man as posibilidades desta instalación que facilita a interacción con personaxes históricas, viaxando no tempo e na historia a través de tecnoloxías como a realidade aumentada, montaxes 3D, videogravación inmersiva e tamén a través da realidade virtual.
Estamos ante un proxecto estratéxico para a comarca de A Mariña, orientado ao fomento do turismo, a implicación dos actores da comarca e a mellora económica de todos os implicados no sector, iniciativa que en palabras de Alberto Núñez Feijoo, está aliñada coa Estratexia do turismo de Galicia 2020, que entre os seus obxectivos conta coa mellora do acceso á Internet en puntos e establecementos turísticos, a comercialización e xestión mediante ferramentas TIC, o aproveitamento da Internet para o servizo do visitante, a mellora do coñecemento do perfil deste a través de Big Data e o impulso de procesos de innovación sectorial.

O presidente da Xunta cun casco de realidade virtual

No novo espazo que contou cun investimento de máis de 240.000 euros para o seu desenvolvemento, podemos ver paneis nos que consultar a programación cultural e as actividades de interese turístico da Mariña, un curioso mapa da Mariña que mediante a aplicación de realidade aumentada Layar permite acceder a contidos dende o noso smartphone, un panel interactivo permítenos viaxar pola historia da Mariña luguesa dende os principios do século XX até a actualidade (descubríndonos o legado fotográfico local), un casco de realidade virtual Oculus Rift permítenos visitar unha serie de localizacións (a Praia das Catedrais, o Castro de Fazouro, o Complexo Siderúrxico e Cerámico de Sargadelos e o Souto da Retorta) de grande atractivo de xeito inmersivo (mediante vídeo estereoscópico envolvente), un panel interactivo convídanos a mergullarnos no patrimonio da Mariña (o que tamén podemos facer a través da aplicación móbil Matterport VR se contamos casco de realidade virtual para o noso smartphone) e outros paneis interactivos achegarannos moita máis información da Mariña, permitindo que o usuario sexa o que decida que tipos de informacións quere localizar na comarca dende o aire, de xeito que é posible atopar establecementos, festas, puntos de interese e, en definitiva, calquera activo turístico, a través dunha guía viva, que mantense sempre actualizada, e que supón a cerna deste centro integral de turismo ao servir de ponte con numerosas fontes de coñecemento para pór en valor esta comarca grazas ao traballo da empresa responsable de levar a bo fin este proxecto, a coruñesa Ilux Visual Technologies.