Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
A CIG non é partidaria de introducir novos copagamentos nos servizos sanitarios, nin de revisar o actual copagamento farmacéutico.
A defensa do copagamento por parte dos seus promotores é basicamente unha defensa ideolóxica que non ten en conta a evidencia científica publicada sobre a realidade dos efectos do copagamento nos países nos que existe. Así, os seus mentores argumentan que o copagamento serve como instrumento de racionalización do uso dos servizos sanitarios, ao estimular a que os cidadáns só os utilicen cando realmente os necesitan; no entanto, non existe ningunha evidencia de que a redución da utilización do servizo sometido a copagamento supoña unha utilización máis axeitada dese servizo desde un punto de vista clínico e, pola contra, as evidencias dispoñíbeis indican que non ten ese efecto selectivo. Outro argumento empregado polos seus defensores é que o copagamento é un elemento moderador do gasto sanitario, debido á suposta racionalización do uso dos servizos sanitarios; no entanto, non hai ningunha evidencia científica desta afirmación e, pola contra, si que está demostrado que cando se limita o acceso a un servizo, os cidadáns utilizan vías alternativas (por exemplo acudir a urxencias) para satisfacer a súa necesidade o que frecuentemente supón un custo considerábel. Un terceiro argumento usado polos defensores do copagamento é que este pode ser unha importante fonte de financiamento adicional do sistema sanitario; non obstante, a realidade empírica nos países nos que existe demostra que isto non é así e que, ademais, os custes administrativos que ocasiona a súa implantación son moi considerábeis.
Por outra banda, a evidencia científica publicada demostra que o copagamento reduce o uso tanto dos servizos que non son esencias como o daqueles que si o son e, ademais, castiga o enfermo respecto do san, de modo que desde o punto de vista fiscal o copagamento é un imposto indirecto que grava a enfermidade. Os que nos opoñemos a que se introduzan novos copagamentos, ademais de resaltar a falta de eficacia do copagamento para conseguir os seus teóricos obxectivos, temos tamén moi en conta a forte repercusión negativa que ten sobre a equidade: o copagamento supón unha transferencia do custo dos servizos sanitarios desde o orzamento público ao cidadán que está enfermo e os utiliza e, como é lóxico, son as persoas con menos recursos económicos as máis afectadas.
En CIG, estamos convencidos de que a proposta de introducir novos copagos é unha proposta neoliberal contraria aos intereses da grande maioría da poboación; unha proposta de índole similar á de abaratar o despido para crear emprego, ou á de eliminar a exclusividade dos facultativos do sistema público.
