Lunes 22.03.2010
| Actualizado 14.31
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Lola González Lorenzo, CCOO |
Antes de falar de habilitar novas formas de contribución ó sistema sanitario a cargo dos usuarios, habería que falar de facer unha política sanitaria cohesionada en todo o Estado e abordar unha mellora integral no financiamento do sistema sanitario público, xa que este se encontra 1,5 puntos por debaixo da media europea. Por outra banda, establecendo acordos estratéxicos no sector para a mellora dos medios tecnolóxicos, os sistemas de información e o modelo farmacéutico en xeral, acadariamos un maior rendemento. Tamén parece necesario un acordo en materia de recursos humanos, que favoreza a igualdade dos profesionais en todo o Estado e evite as grandes diferenzas en materia salarial, de condicións laborais e de desenvolvemento profesional. Un acordo que na nosa comunidade evitaría a fuga de profesionais.
Outro risco na instauración do copagamento -actualmente aplicado na prescrición farmacéutica- é que se deberían ter en conta as rendas de cada usuario, xa que se corre o risco de aforros a curto prazo que repercuten na deterioración da saúde e que a longo prazo acaban resultando caros polo incremento de asistencias sanitarias.
A prevención e a promoción da educación para a saúde son pezas básicas e necesarias para evitar abusos na frecuentación das consultas ou na demanda de medicamentos.
O control sobre o gasto farmacéutico ten que ser máis amplo e variado, levándoo ata o non financiamento público de novos medicamentos que non representan grandes vantaxes sobre os xa existentes, aumentando o número de medicamentos xenéricos e a súa prescrición, desenvolvendo e actualizando os prezos de referencia, e dedicando máis recursos á formación continuada dos profesionais sanitarios, á investigación clínica aplicada e á participación en congresos.
Dende CCOO consideramos que o copagamento rompe coa equidade do sistema, afectando máis os que menos teñen, e impoñendo barreiras para o acceso ós servizos sanitarios. É dicir, rompe coa base do noso sistema sanitario: universalidade, accesibilidade, equidade.
No Estado, e en Galicia aínda máis, as diferenzas nas rendas son grandes, atopándonos con salarios e pensións por debaixo do mínimo. Temos un 35% da poboación por riba dos 65 anos e moita desta poboación cobra pensións da agraria ou o mar. Temos tamén un alto índice de pensións non contributivas, mentres que a nosa estrutura salarial está moi por debaixo da media do Estado.
Tendo en consideración todo o anterior, dende CCOO pensamos que a instauración dun copagamento máis amplo do xa existente conlevaría unha ruptura da equidade na sanidade pública e rompería co principio de solidariedade do sistema, aumentando as diferencia sociais.