Sábado 20.03.2010
| Actualizado 00.50
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| A manifestación congregou cincuenta mil persoas, segundo a Policía Local de Santiago, e máis de cen mil, de acordo coas cifras dos convocantes FOTO: Mon |
"Un forward (cara a adiante en inglés), porque sabemos idiomas, e logo!", gritaba irónica a actriz Isabel Risco desde o palco, pasadas as dúas e cuarto da tarde, para animar a abandonar a praza e deixar sitio para os que viñan detrás. A Quintana volveu onte quedar pequena para os miles de manifestantes que saíron á rúa en defensa do galego e, como o pasado 17 de maio, foi necesario unha segunda función de discursos, que concluíu sobre as tres.
Entre un pase e outro, e a xente que quedou a medio camiño, a organización contabilizou uns 100.000 manifestantes, a metade segundo a Policía Local. É o dobre, en calquera caso, que o Día das Letras Galegas. Daquela A Mesa, a entidade convocante, estimou que saíran á rúa unhas 50.000 persoas e a Policía, 20.000. Onte, con case 500 organizacións chamando á mobilización, coas primeiras medidas en política lingüística da Xunta xa executadas e un sol radiante, as previsións de participación da organización non se viron defraudadas.
A marcha de Queremos Galego clamou contra a política lingüística do Executivo de Alberto Núñez Feijóo e esixiu o cumprimento da Lei de normalización lingüística e do Plan de normalización, acordado por consenso no Parlamento en 2004, pero do que agora a Xunta renega en puntos como os referidos á educación. "Por primeira vez na historia, un Goberno autonómico encabeza o ataque ao galego", denunciou desde o palco a actriz Patricia Vázquez, unha das portavoces da plataforma.
Medidas positivas anuladas
Vázquez, que culpou a Xunta de anular as medidas positivas para o galego e "os dereitos lingüísticos que nos asisten", puxo como exemplos "a mal chamada" consulta ás familias sobre o uso do galego no ensino (o punto de partida para derrogar o decreto que establece que o 50% do horario lectivo se desenvolva en galego); a supresión das axudas á tradución de libros ou a reforma da Lei de función pública para suprimir a obriga de realizar polo menos unha proba das oposicións no idioma de Galicia.
Ante medidas deste tipo, todos os portavoces da plataforma advertiron que o PP terá que facer fronte a un "amplo corpo social", heteroxéneo na súa composición, ideoloxía e sensibilidades, e incluso no uso do galego, pero común na súa defensa. "O galego une a todas e a todos os galegos", engadiu o presidente da Mesa, Carlos Callón, que lle pediu a Feijóo que aparque "a prepotencia, a arrogancia e as políticas galegófobas, porque un presidente serio e responsábel escoita a sociedade".
Queremos Galego conseguiu por primeira vez sumar diferentes tendencias políticas, rompendo a idea de que a defensa do galego é cousa do nacionalistas. Deixando atrás o esvarón verbal sobre a toponimia coruñesa, non faltou á protesta o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez. Estivo acompañado por deputados e compañeiros de partido, como o alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, aínda que non se viu ao coruñés, reenganchado á batalla de La Coruña.
"Feijóo supón o maior perigo que ten o galego neste momento. Nunca antes na historia se deu a circunstancia de que un presidente fose o inimigo público número un do noso principal sinal de identidade", declarou Manuel Vázquez.
De par del, o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, expresábase en termos similares á pregunta de se cre que corre perigo a Lei de normalización lingüística: "Cun Goberno con escasa sensibilidade en defensa da nosa lingua creo que pode estar en perigo case todo, pero espero que todos os galegos nos poñamos de acordo para defender o noso". O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, cualificou, pola súa parte, de extremista a política lingüística da Xunta e cominou a Feijóo a "volver ó consenso e rectificar".
. icasal@elcorreogallego.es
Francisco Caamaño Ministro de Xustiza
"Cun Goberno con escasa sensibilidade coa nosa lingua creo que está en perigo case todo, pero espero que os galegos nos poñamos de acordo para defender o noso" Manuel Vázquez Secretario xeral do PSdeG
"Nunca antes na historia de Galicia se deu a circunstancia de que un presidente fora o inimigo público número un do noso principal sinal de identidade"
Guillerme Vázquez Portavoz nacional do BNG
"O PP ten que oír a mensaxe que lle está a mandar a sociedade galega e cumprir o seu deber de defender o idioma, ten que rectificar" .