Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A moda invitada no Museo

    O Museo de Belas Artes de A Coruña érguese sobre un antigo convento de capuchinas que foi sometido a unha ampliación nos anos 1990. O proxecto asinado polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto recibiu o Premio Nacional de Arquitectura. A institución alberga unha importante colección con obras dende o século XVI até os nosos días. Entre outras hai pezas de Juan de Arellano, Jenaro Pérez Villaamil, Luís Seoane ou Luís Caruncho. Unha senlleira parte do seus fondos proceden de aportacións pro bono e os xestos filantrópicos de Manuel Santiago Blanco, Carolina González ou Maruxa Seoane aumentaron a colección de maneira sensible.

    SEndo un museo de belas artes, non atopamos soamente pinturas, esculturas, obxectos de arte sacra e incunables no seu inventario. Hai tamén unha senlleira colección de louzas de Sargadelos, louza de Alcora, esculturas de porcelana e terracota de manufactura seriada ou creación de artista. Conta tamén con revistas de época, miniaturas en esmalte e unha selección de obxectos da burguesía como abanos e outros.

    A última das artes en ser invitada ó museo ten sido a moda pois nun alarde de conectar co espírito dos tempos actuais, o zeitgeist, está a ser exhibida arestora no museo a mostra Vestir Épocas 1860-1960. Unha exposición que reúne unha escolma dos traxes e obxectos pertencentes á coleccionista Ana González-Moro, e que teño a fortuna de comisariar xunto a Fernando Agrasar completando un heteroxéneo equipo de colaboradores esenciais. A colección reúne un cumio de singulares pezas téxtiles que teñen sido reunidas e conservadas con moito coidado ó longo das décadas, e si resulta singular ver moda no museo de arte, máis peculiar é aínda que sexa conformando un gran object d’art ou conxunto de marabillas coherente e compacto.

    Pois contrariamente ó que se asume, ela, a moda, non resulta cómoda para os museos de arte clásico e contemporáneo, por varias razóns, pero sobre todo por un motivo de carencia de perspectiva no art system, pois consideran ó téxtil aínda pouco sólido para ser de museo. Non é sorpresa esta cuestión, pois foi difícil o acceso da fotografía o cine e o vídeo ós museos. E tamén dificultoso foi que entraran outras formas perfomativas das artes dos século XX e XXI. A moda precisa pois arestora de apoio para se recoñecer no museo de seu, sen adxectivos de arte aplicada ou arte decorativa. A moda de seu como manifestación cultural ou arte con presenza real no medio cultural.

    O tour de force é daquela do Museo de Belas Artes coruñés quen expón máis de trescentas pezas de moda no centro das súas salas de mostras temporais e de colección permanente, evidenciando que coñece o pulso da época. Outro tour de force é que a mostra pode acontecer grazas á filantropía dunha coleccionista que arquiva ás épocas por medio das modas dende hai décadas e que agora comparte coa sociedade.

    Entre os traxes da colección hai un marabilloso vestido de noiva de 1894 que pertenceu a María Dolores Vernetta Cominge, confeccionado en seda, encaixe e bordados de cristais que estivo exposto entre outras na mostra Sorolla y la Moda. A peza podería ser obxecto doutra labor de filantropía no momento en que sexa sometida a un necesario restauro. Acontecería daquela outro capítulo da moda e a filantropía, o do estudo e restauración.

    20 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.