Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Martes 21.05.2013  | Actualizado 20.08 Hemeroteca web  |  RSS   RSS

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Adega propón que GN-Fenosa desmantele o parque eólico do cabo Vilán

GN-Fenosa presentou un proxecto de repotenciamento que baixa o número de muíños de 23 a 3, e a asociación ecoloxista cre que é unha gran oportunidade para reparar un "erro histórico" e recuperar un espazo inigualable

SANTIAGO. REDACCIÓN WEB  | 21.05.2012 
A- A+

O cabo Vilán é un lugar emblemático, un espazo que acubillou un dos un dos primeiros parques eólicos instalados en Galicia a principios dos anos 90, sobre unha paisaxe única que hoxe é parte da Rede Natura 2000. Nas proximidades ubícase unha Zona Especial de Protección de Aves (ZEPA), con especies ameazadas como o arao. Agora, Gas Natural Fenosa, pretende repotenciar o parque, e iso, segundo apunta Adega, é unha boa medida para diminuír o impacto, xa que reduce moito o número de viraventos, pero a asociación ecoloxista vai máis alá e pide o desmantelamento do parque para recuperar ese espazo e reparar un agravio histórico. A nota de Adega di o seguinte:

"GN-Fenosa vén de apresentar o proxecto de repotenciamento do parque eólico de cabo Vilán. Este foi un dos primeiros parques eólicos instalados en Galiza a principios dos anos 90, sobre unha paisaxe única que hoxe é parte da Rede Natura 2000. Nas proximidades, unha ZEPA acolle especies ameazadas como o arao, o corvo mariño cristado e a gaivota tridáctila. Este parque é un exemplo do caótico e insustentábel desenvolvemento eólico perpetrado no país, que en cabo Vilán únese ás agresións da piscicultura industrial e ás especies invasoras. O repotenciamento é unha boa medida para diminuir os impactos dalgúns parques, mais neste caso propoñemos o seu desmantelamento, trasladando os megawatios repotenciados a outro parque, para deste xeito liberar cabo Vilán e reparar un erro histórico. Canto vale recuperar esta paisaxe?

Cando se construíu este parque, e durante o "boom" eólico de finais dos anos 90, todo valía con tal de producir electricidade. As eólicas invadiron valiosos espazos naturais con paisaxes, hábitats e especies únicas, coa complicidade dunha administración que só atendía á ilimitada cobiza do sector eléctrico. Daquela non había Rede Natura, nin Lei da Paisaxe, nin Lei Eólica, nin POL... Mais agora, estes instrumentos introducen certas garantías ambientais e limitacións para salvagardar un patrimonio que só temos en herdanza e que non debería enaxenarse, mercarse ou venderse.

O proxecto de GN-Fenosa propón substituir os 23 aeroxeradores instalados, cunha potencia conxunta de 3,9 Mw por 3 muíños e 4,2 Mw totais. A idea do repotenciamento persegue diminuir a densidade dos parques, reducindo o seu impacto paisaxístico e ambiental, mantendo ou incrementando lixeiramente a potencia instalada. No caso de cabo Vilán, dende ADEGA entendemos que despois de 25 anos, o que cómpre xa non é repotenciar senón desmantelar o parque, restaurando un agravio histórico. A empresa podería compensar os megawatios non repotenciados neste parque en calqueira outra instalación.

Ademais, acontece que para as obras de repotenciamento sería preciso ocupar con novas pistas e máis anchas, hábitats prioritarios dentro do LIC Costa da Morte. ADEGA lembra que, segundo o artigo 6.4 da Directiva 92/43 CEE (de Hábitats) hai que xustificar as "razóns imperiosas de interese público de primeira orde" atendendo consideracións relativas á "saúde humana, seguridade pública ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio" do proxecto e demostrar que non pode ser viábel noutra ubicación e, no seu caso, elevar consulta á Comisión Europea.

Tamén resulta curioso que na memoria do proxecto, a empresa pretenda xustificar o repotenciamento (3 aeroxeradores) comparándoa coa situación actual (23 aeroxeradores). De non repotenciar, produciríase "Maior alteración de hábitats e fauna; maior afección á estrutura da paisaxe e non criazón de 78 postos de traballo" entre outros. Isto é: FENOSA recoñece indirectamente que os 23 aeroxeradores incrustados a principios dos 90 no corazón dun espazo único, alteraron os hábitats, a fauna e unha paisaxe única. Non pagou dabondo xa o noso patrimonio esta cara peaxe? Non amortizou a empresa suficientemente o seu investimento?

Tamén cómpre ter en conta que os parques eólicos non son concesións con prazos de reversión (caso das centrais hidroeléctricas), ou con prazos de renovación e caducidade (caso dos recursos mineiros das seccións C e D, ou das autovías). Trátase de autorizacións indefinidas porque o vento non é de dominio público aínda que tampouco é de ninguén, até que alguén se apropia del. Isto significa que non hai rescate, nen caducidade, nen vencemento da concesión: legalmente (salvo revisión da DIA en caso de impactos non previstos e moi ben documentados) só cabe a indemnización por lucro cesante.

Temos pois que en cabo Vilán, o parque eólico de GN-Fenosa pode estar aí para sempre: a empresa é dona do seu vento ad eternum. Só pola súa vontade ou por unha decisión valente da administración revisando a DIA ou indemnizando á empresa, poderiase liberar cabo Vilán dos muíños... Neste caso, hai alternativa: retirar os muíños e amortizar a potencia noutro parque. É o que propón ADEGA: unha solución xusta para a empresa e o ambiente. Que son 4,2 Mw a cambio de recuperar unha paisaxe única?"

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado. Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorreogallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS