Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Domingo 20.04.2014  | Actualizado 20.41 Hemeroteca web  |  RSS   RSS

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

A Agadic galardoa co Manuel María ó escritor Xavier Lama

'Os reloxos preguiceiros de Néboa', un texto imaxinativo e cargado de intriga, recibe o quinto premio á creación literaria

PILAR BENDOIRO MARIÑO USC   | 13.09.2011 
A- A+

Francisco Xavier Lama López (Guntín, Lugo, 1962) é un autor cuxa produción literaria abarca tanto a literatura institucionalizada ou de adultos, pola que ten recibido galardóns como o Camiño de Santiago-Premio Xacobeo de teatro 1993, entre outros, como a Literatura Infantil e Xuvenil, na que non é menos destacado.

Así, Lama vén de recibir o V Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2010 por Os reloxos preguiceiros de Néboa (Xerais/Xunta de Galicia/Agadic, 2011), un galardón anual co que a Axencia Galega das Industrias Culturais promove a creación literaria de textos teatrais para o público máis novo orientados cara á representación, audiencia pola que ademais convoca o Premio Barriga Verde na súa modalidade de Infantil.

Cidade de néboa. Os reloxos preguiceiros de Néboa achega a historia caótica da cidade de Néboa por non poder calcular o tempo xa que os seus reloxos deixaron de contar as horas, un estraño suceso que lles quita o sono aos habitantes ao perderen por completo a orientación nun emprazamento onde unha brétema constante case non deixa ver o sol. A máis desacougada dos personaxes é a alcaldesa, Sabela Depresa, a quen as queixas dos veciños a fan acudir ao enxeño da detective Lupita Grande para tentar resolver o misterio, mais na súa procura da verdade atópanse co estraño comportamento do encargado do sistema dos reloxos, Cuco Campá, Superreloxeiro Experto no Cómputo do Tempo Todo.

Mediante unha sucesión de personaxes, tan intrigantes e peculiares como os mencionados, aos que se lles suman o eminente Doutor de homes e máquinas Hipócrates Verruga, o dono dun pazo Don Baldomero Ninsesabe de máis de trescentos anos de idade e o cociñeiro-adiviño Chung Pataching, desenfíase unha historia na que dimensións paralelas, seres estraños e enganos se mesturan para crear unha atmosfera chea de intriga.

As dez escenas que compoñen a peza veñen introducidas por un "Achegamento argumental" desde o que queda patente o seu carácter de texto dramático para ser representado dado que mediante el se contextualiza a historia, elemento principalmente útil de cara a crear a ambientación escénica precisa.

Peculiaridades. A este respecto contribúen tamén a relación de personaxes que se mencionan a seguir, na que se explican as peculiaridades das súas personalidades, as suxestións escénicas para o reparto de actores, a disposición dos elementos no escenario e a ambientación musical que acompaña o texto, cuxa melodía se ve ás veces potenciada polos moitos diálogos rimados.

Para rematar son de salientar as ilustracións de Xosé Tomás (Betanzos, A Coruña, 1971), de tons pasteis escuros e liñas redondeadas, que retratan os personaxes e escenarios de xeito esaxerado pero con certo dinamismo, e axudan a que o lector cree a imaxe mental duns elementos facilmente representables.

pilarben.marino@gmail.com

Literatura Infantil e Xuvenil

PARA LEMBRAR

Lembramos que nestes días se celebra o aniversario do nacemento e morte do novelista estadounidense James Fenimore Cooper (Nova Jersey, 15 setembro 1789-Nova York, 14 setembro 1851), autor de novelas de aventuras sobre os pioneiros na conquista do Oeste. Entre elas pódese ler en lingua galega O derradeiro dos mohicanos, publicada no ano 1993 por Edicións Xerais de Galicia na colección ‘‘Xabarín’’ e da que se bota en falta unha reedición actualizada. elos

PROTAGONISTAS ELIXIDOS

Roald Dahl (Gales, 1916-1990). É hoxe o noso protagonista este autor británico ao que se lle deben algúns títulos fundamentais da LIX contemporánea e do que se conmemora a efeméride do seu nacemento. En lingua galega pódese ler ao redor dunha ducia das súas obras, que se comezaron a traducir nos anos oitenta, como Boy (Relatos de infancia) (Alfaguara, 1989), As bruxas (Xerais, 1989 e 2003), Charlie e a fábrica de chocolate (Cumio, 1989 e Xerais 2005), Charlie e o grande ascensor de cristal (Cumio, 1989 e Xerais, 2005) e Danny, o campión do mundo (Xerais, 1989 e 2003), ademais de Matilda (Alfaguara, 1990) e A marabillosa medicina de George (Xerais, 2004), entre outras. Nelas desenvólvense historias con moito enxeño, sátira e provocación, que logran unha gran complicidade co lectorado, especialmente a través do humor subversivo. Historias divertidas, cheas de fantasía, imaxinación e xogos lingüísticos, que as converten en títulos fundamentais para asentar entre os adolescentes o hábito lector. elos

para coñecela +

90
Contos infantís. Mitos e identidade. Detémonos hoxe en contos infantís dirixidos ao prelectorado e lectorado autónomo, que xa se iniciaran en décadas anteriores, nos que se bota man de elementos propios da identidade e cultura galegas para que se coñezan elementos que configuran o imaxinario colectivo, a cultura, historia e tradición que legaron os antergos. Polo xeral, rememórase a vida nas aldeas, descríbese a orografía, paisaxes e xentes de distintos lugares, aos que se engade a difusión do patrimonio inmaterial das lendas, crenzas, costumes e mitos, e as referencias a personaxes históricos e literarios. Entre as obras que viron a luz nesta década cabe destacar títulos como A fraga misteriosa (SM, publicada no ano 1992), de Pepe Carballude, na que o grupo de protagonistas descobre ao rei Artur e a Gatipedro; O trasno de Alqueidón (Xerais, 1996), de Marilar Aleixandre, na que se percorren diferentes lugares da Amaía e se rememoran historias do pasado; e A filla das ondas (Concello de Pontevedra, 1999), de Fina Casalderrey, na que se recrea un percorrido espacial e temporal pola vida mariñeira, cultural e monumental da cidade de Pontevedra. Tamén cabe sinalar a serie dos Gordibolas, de Xosé Ballesteros, que se localiza na Lagoa da Antela e nos seres míticos que a poboan. ISABEL MOCIÑO GONZÁLEZ

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado. Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorreogallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS