El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

A Agadic renova o seu convenio de colaboración con Músicos ao Vivo

Apoia desta forma a organización duns novos premios Martín Códax da Música

ECG   | 11.01.2018 
A- A+

Santiago. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a asociación Músicos ao Vivo subscribiron onte o convenio de colaboración dunha nova edición dos Premios Martín Códax da Música, que se organizan anualmente co obxectivo de recoñecer e lle dar visibilidade ao traballo dos profesionais da musica galega.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a presidenta de Músicos ao Vivo, Iria Pinheiro, asinaron este acordo mediante o que a Xunta de Galicia apoia economicamente as accións de promoción e a gala de entrega dos V Martín Códax, prevista para o mes de maio como culminación do proceso de inscricións e votacións que dará comezo en marzo.

A través do convenio, como se recolle no seu texto, a Axencia Galega das Industrias Culturais apoia a consolidación desta iniciativa como “inmellorable plataforma de promoción deste sector básico da cultura”, que proxecta socialmente a creatividade, a diversidade e a calidade artística da música feita en Galicia ou por galegos, así como o seu gran potencial no conxunto das industrias culturais.

Os Martín Códax volverán darlle visibilidade á produción musical galega.