Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Viernes 18.04.2014  | Actualizado 20.45 Hemeroteca web  |  RSS   RSS

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

{relatos}

Araguas no seu eterno retorno máxico

Xuvia-Neda Vicente Araguas, Xerais narrativa 2010, 126 páxs. 15,80 €

JOSÉ MIGUEL A. GIRÁLDEZ  | 20.05.2010 
A- A+

Non coñezo a ninguén tan extraordinario en vivo e en directo. Vicente Araguas é magnífico nas distancias curtas. E este libro, Xuvia-Neda, é precisamente iso: un libro que hai que ler desde a curta distancia, desde o territorio fundacional, desde o lado liminal da experiencia. Acabo de ler este marabilloso libro no que Araguas regresa ao seu paraíso de infancia e adolescencia, aos lugares que lle construíron. É incrible a sensación de proximidade, de felicidade, de verdade, que produce este texto. Esta colección de textos. Xuvia-Neda, que vén de publicar Xerais, é, en efecto, unha longa viaxe á terra, ao territorio, ao ómphalos. É tamén unha longa viaxe á memoria. Araguas, que se acorda de todo, fala aquí das pequenas e grandes cousas da vida, aquelas que realmente pagan a pena. Moitas son anécdotas, divertidas a maioría, episodios en branco e negro de tempos que criamos felices. Episodios da idade da inocencia (ou non tanto). E aquí temos a este outro Araguas que non é o poeta, pero que é quen de escribir nunha lingua que ninguén escribe: xiros locais colocados no sitio exacto, fragmentos de conversacións que el leva na memoria como unha colleita de peces azuis do Atlántico. Un Araguas que nos fai atravesar o tempo con delicada quietude, até levarnos aos días irrepetibles de Portazgo, até un territorio que, como en Mark Twain, e como noutros, é tan realista que se torna máxico. Araguas pode escribir unha frase solemne e unha humorada consecutivamente: é máis, iso é o que de verdade lle gusta. Capaz de escribir unha poesía fermosísima, capaz de traducir como os anxos (lean, por favor, Traballo de campo, do gran Seamus Heaney), Araguas demostra unha vez máis a súa gran capacidade para camuflar o seu humor entre as uvas, ás veces agraces, outras doces, doutro tempo. Araguas está a falar aquí de algo moi persoal. Pero, por encantamento, todo se converte de súpeto en materia colectiva, todos estamos alí, naquel lugar do norte, naquela encrucillada de camiños, naquel mundo imperfectamente perfecto. Alí estamos cos soños pop, co perfume de Brigitte Bardot ("unha BB calquera"), de Massiel, ou de Norma Jean, que latexa en todo o libro como un animal de fondo. Lóxico neste gran amante do juke box, neste poeta que adora a Bob Dylan. Aí está Marcelino, o heroe histórico do fútbol, marcando o gol decisivo a Rusia e, ao tempo, saíndo do Hispano-Arxentino. Hai moito de desacralización da memoria, pero tamén moito de tenrura: non é raro que algúns relatos teñan dedicatoria (incluída unha a José Manuel Rey, e a este lugar do Preguntoiro, ao que Araguas chama "casa común"). Toda a néboa que envolve a memoria daqueles días é como o fume da maxia. Toda esa néboa fai que todo sexa posible, que o paraíso estea detrás de cada esquina. Toda esa néboa é a que fai posible o imposible. Fandiño e Merceditas, e, por suposto, Saladina. Historias de amor. Este é o libro das hortas da infancia, dos trens, das mulleres, das miladies. Froita madura. Como as mazás de ouro que levábamos no peto, agasallo dos deuses.

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado. Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorreogallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS