El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Arrinca o Entroido máis importante do ámbito etnográfico, o de Ourense

Celebrarase desde hoxe ata o día 14 con máis de 260 actividades en 41 vilas de 33 concellos// Sete destes carnavais son de Interese Turístico en Galicia

O presidente da Deputación ourensá, Manuel Baltar, onte en Maceda co seu alcalde, Rubén Quintás ao fondo - FOTO: ECG
O presidente da Deputación ourensá, Manuel Baltar, onte en Maceda co seu alcalde, Rubén Quintás ao fondo - FOTO: ECG

IRENE JIMÉNEZ. OURENSE  | 08.02.2018 
A- A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo alcalde de Maceda, Rubén Quintas e por sete “Felos”, a figura típica do entroido macedán, presentou onte no castelo de Maceda o programa de entroidos da provincia, o máis importante no ámbito etnográfico, que desenvolverá este ano, entre hoxe e o 14 de febreiro, máis de 260 actividades en 41 localidades de 33 concellos.

O Programa Provincial do Entroido 2018 recolle nunha guía explicativa da que se editaron 20.000 exemplares –e que pode consultarse tamén a través da web da Deputación de Ourense- unha ampla compilación dos actos de entroido que se celebrarán na provincia desde o xoves de Comadres ata o mércores de cinza e enterro da sardiña, o que constitúe a festa máis participativa e con maior repercusión económica das que se celebran na provincia de Ourense.

Xunto co programa, que está distribuído en establecementos hostaleiros e oficinas de turismo da provincia de Ourense, no acto tamén se presentou o spot promocional relativo a esta celebración, cuxa finalidade é resaltar aínda máis o carácter singular e xenuino desta festa da nosa provincia.

Manuel Baltar expresou que en Maceda, “un lugar sinalado pola historia, que conta con relevantes persoeiros, presentamos hoxe o programa provincial de entroidos de Ourense, unha actividade que damos a coñecer por segundo ano consecutivo e que amosa a grande demostración de etnografía, tradición e cultura da nosa provincia”, destacando que entre os nove carnavais distinguidos de Interese Turístico en Galicia, sete están na provincia: o entroido de Laza, co Peliqueiro; o de Viana do Bolo, no que o personaxe central é o Boteiro; o entroido de Manzaneda, coa Mázcara; o entroido de Maceda, co Felo, e o entroido de Vilariño de Conso, co Boteiro”.

Ademais contase “con dúas festas de Interese Turístico Nacional, como son: o entroido de Xinzo de Limia, coa Pantalla, e o entroido de Verín, co Cigarrón. Estas e moitas outras localidades da provincia de Ourense singularizan a tradición do noso entroido, e a Deputación de Ourense achega ese papel vertebrador, esa visión integral de provincia, para un dos nosos grandes escaparates como é o entroido, con importante retorno económico, social e turístico”.

Baltar subliñou que estes son días “seguimos a impulsar as nosas tradicións, como tamén seguimos a traballar en colaboración cos veciños do norte de Portugal e Zamora, para lograr que a Unesco declare Patrimonio Cultural Inmaterial o noso entroido”.