Jueves 25.09.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O escritor lalinense Inacio Vilariño |
Inacio Vilariño Sanmartín (Lalín, 1974) dedícase ás artes escénicas e dirixe a compañía Fantoches Baj coa que ten representado, entre outras, Tío Miseria, unha versión teatral dun conto popular do que tamén publicou a adaptación para o lectorado infantil Tío Miseria (publicada por Baía no 2008).
A súa admiración pola cultura popular reflíctese non só no eido investigador senón tamén no creativo, sobre todo na literatura dramática, pois mereceu o VII Premio Barriga Verde de Textos para teatro de monicreques na modalidade de adultos no ano 2009 coa obra Auga que non vas beber..., e no 2010 o VIII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil con Fábula galénica (Baía Edicións/Xunta de Galicia, 2011), obra que hoxe nos ocupa, na que homenaxea co título as narracións tradicionais, as radios de galena e a ciencia farmacéutica.
Materiais narrativos. Na liña da reescritura dos materiais narrativos de transmisión oral, Inacio ofrece unha fábula dramática moi divertida, que permite diferentes niveis interpretativos, na que emprega elementos dos argumentos e temáticos de diferentes contos da transmisión oral, xogando cos personaxes estereotipados e empregando o dinamismo na acción e nos espazos e tamén o humor, presente desde a dedicatoria ao burro "animal cuadrúpede vido a menos nestas terras".
A obra acontece en oito espazos enmarcados no teatriño de monicreques que semella unha radio antiga xigante. Un locutor con voz en off ou rapsoda, acompañado de música en directo, a modo das telenovelas radiadas, dá comezo a esta fábula coa fórmula inicial "Hai moitos anos, en Catasós".
![]() |
| A cuberta da obra ‘Fábula galénica’ |
Logo en dezanove escenas, nas que alternan os espazos interiores e exteriores da torre, da fraga e da aldea de Moneixas, os personaxes animais humanizados (raposa, lobo e burro) relaciónanse cos personaxes humanos arquetípicos, como a vella menciñeira, o cura lambón e o dono avaro, e con elementos da natureza animados (a táboa, a fonte, o lume e o regato).
Relatos humorísticos. Nas escenas Inacio emprega, moi ben engarzados, diferentes motivos dos relatos humorísticos e dos contos de animais, como acontece co conto galego coñecido como Os bautizos da raposa e co uso do escatolóxico, moi do gusto do lectorado infantil, pois o burro da tía Lola é quen de esconder o lobo, a raposa e o regato no seu cu.
No final da peza utiliza o recurso de encadeamento de elementos, propio dos contos acumulativos, e non falta, como en toda boa fábula, certa mensaxe moralizante ao converter a Don Cardo, señor de Catasós, nun saboroso cardo borriqueiro polas súas malas accións e facer tamén unha defensa ecoloxista.
As ilustracións do artista gráfico Óscar Villán (Ourense, 1972) complementan o texto teatral e agudizan o humor con escenas figurativas da acción na que presenta os diferentes personaxes da historia.
verinesa@yahoo.es
