Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| OLEIRO durante a celebración dunha das mostras de olería, que cada ano se leva a cabo na comarca de Bergantiños. Os visitantes poden coñecer os productos elaborados a man, así como adquirir aqueles que o desexen FOTO: Gallego |
A arte, a tradición e a beleza compleméntanse á perfección no traballo dos alfareiros de toda Galicia. Un dos lugares máis coñecidos polas súa pezas artesanais de barro é Buño, na comarca de Bergantiños. As cores e as formas tradicionais mestúranse coas modernas para daren lugar a pezas únicas. É en Buño onde cada ano, dende hai vinte e sete, se realiza unha mostra de olería. Os asistentes ó encontro poden coñecer e comprar as pezas realizadas polos artesáns, ademais de participar en diversos obradoiros e actividades.
Buño, en Malpica de Bergantiños, é, xunto coas terras das Ribeiras do Sil e coa Terra Chá e a Mariña Central, o principal núcleo galego de olería tradicional. Do 6 ao 15 de agosto lévase a cabo a XXVII Mostra de Olería de Buño. onde os artesáns do lugar mostrarán as súas obras realizadas durante todo o ano.
Aparicio Añón Caamaño é un dos oleiros veteráns de Buño. Leva máis de corenta anos ao fronte da súa empresa de olería, ainda que confesa que "levo traballando nisto dende que nacín, que son algúns anos máis". A tradición da olería na familia de Aparicio Añón remóntase ata os seus tataravós. Como el mesmo afirma crea "un pouco de todo", tanto pezas tradicionais como elementos decorativos e souvenirs. Traballa principamente para empresas, intitucións ou concellos.
Fronte a unha vida dedicada ao torno e á olería, Lidia Trigo Suárez, de Malpica, leva seis anos traballando neste oficio. Aínda que utiliza o mesmo material que os oleiros de Buño, Lidia crea pezas de cerámica artística. Como ela mesma relata, " é o mesmo material, pero non fago as pezas tradicionais de Buño, senón máis modernas, máis de deseño". Pódese entender como a evolución da olería máis tradicional de Buño, pero afincada en Malpica. Os pendentes e os colares son as pezas ás que lle dá forma máis habitualmente. Con todo, nesta época de crise "o que máis se venden son os artigos de ata 10 ou 15 euros de prezo", mentras que "outros elementos de decoración como lámpadas, non se venden tanto".
Os comezos das mulleres Ver traballar a mulleres como Lidia na olería e na cerámica hoxe en día é habitual. Porén, non sempre foi así. Carmen I. Labrador Fariña, a primeira muller de Buño que comezou a traballar na olería, da fe desta realidade. "Cando comecei as persoas máis novas levaban mellor iso de que fose a única muller". Pola contra, "os maiores levábano peor, pensaban que só era un capricho". Carmen non desistiu e ao irse consolidando no oficio, "viron que ía en serio". De feito, leva xa trinta anos traballando.
Carmen recorda como introduciu novas pezas no mundo da olería, xa que "comecei a facer pendentes, colares", algo que non era completamente do agrado dos homes. Agora tamén os realizan eles. "Hoxe en día somos todos iguais, homes e mulleres" comenta satisfeita.
En canto a situación de crise, afirma que "se nota moito, pero vaise aturando". Os artigos que máis se venden son as pezas máis modernas, con máis colorido, "pezas coas que se pode decorar calquera piso ou casa". As pezas máis tradicionais da olería de Buño son máis demandadas para casas rurais, un mercado máis específico.
Da arxila ao forno Aparicio Añón explica cómo se realiza o proceso de extracción da arxila, traballo que se realiza no verán. A arxila extráese do barreiro, terreos de moitos séculos de antigüedade. Unha vez extraída hai que esperar que seque, para logo moela.
Cando xa está preparada, amásase e dáselle a forma da figura que se desexa realizar. O proceso de secado será feito de maneira moi lenta. "Isto leva varios días de traballo para unha soa cocción" afirma Aparicio".
En cada cocción introdúcense no forno arredor de 800 pezas, dependendo do seu tamaño. "Os fornos poden alcanzar dende 980 ata 1100 graos," comenta o oleiro. O maior perigo de que rompan as pezas existe ata os 500 graos.
Lidia coméntanos como o proceso de cocción pode durar ata 9 horas. Carmen, pola súa parte, recórdanos de que ata que o forno non reduce a súa temperatura aos 100 graos aproximadamente non se pode abrir de novo. Unha vez cocidas as figuras, xa están preparadas para aplicarlles os esmaltes e darlle as cores desexadas. Despois de secar no exterior, a peza xa estaría lista.
XXVII Mostra de Olería de Buño
A Casa do Oleiro en Buño acollerá do 6 ao 15 de agosto a XXVII Mostra de Olería. Todos os días, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas os visitantes poderán coñecer as figuras e productos únicos que xorden das mans dos artesáns de Buño. Barro e auga que toman forma grazas á habilidade dos oleiros, e que se consolidan despois de pasar polo lume dos fornos do lugar. Os asistentes poderán participar en diversos obradoiros, comprar algún recordo ou agasallo e disfrutar con actuacións variadas.. Tampouco poderán deixar de coñecer cómo se realizan estas figuras vendo a cocedura tradicional.
Carmen I. Labrador e Aparicio Añón coinciden en que a mostra é unha boa oportunidade para facer publicidade e atraer ás persoas para que coñezan Buño. Porén, Aparicio Añón afirma que "dende o punto de vista económico, se vas perdes cartos, pero se non vas perdes máis".
