Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cuntis homenaxea a Manuel Xacobe Fernández Mariño

Un fito pétreo dá conta do seu labor médico e a súa sensibilidade cultural

Achegábao o tataraneto do homenaxeado, Francisco Ramón García Fernández -colaborador de EL CORREO GALLEGO- que realmente Cuntis é hoxe a capital da cultura médica de Galicia por mor duns actos fantasticamente organizados polo citado concello.

Todo xorde en base a unha proposta que a Plataforma Veciñal para a Recuperación do Patrimonio Termal rexistra para que se lle renda a debida homenaxe a Manuel Xacobe Fernández Mariño, a cal foi aceptada por unanimidade de todos os membros das agrupacións (PSOE, BNG, PP e Veciñanza).

Nos actos, celebrados na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres, e guiados polo propio concelleiro de Cultura -Diego Torres Iglesias- fíxose moito fincapé na necesidade de recuperarmos a memoria dos nosos fillos ilustres, aqueles que -como Fernández Mariño- souberon compatibilizar ciencia con humanidades, progreso con respecto e conservación dos nosos recursos e testemuños arqueolóxicos.

Nesta liña discorreu o discurso de Cristina Eiras Leal, presidenta da Plataforma; que tamén asume o profesor Francisco Díaz-Fierros (en representación do Consello da Cultura Galega). Este trouxo, ata unha sala de conferencias ateigada, citas non só ao homenaxeado, senón a Domingo Fontán (fillo da bisbarra do Umia) a Antonio Casares, Gómez Bedoya.

As gabanzas pola celebración deste acto tamén chegaron da man do presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, José Carro Otero, que gustou de se mergullar na historia desa institución (da que formou parte o propio Fernández Mariño).

A mesa de autoridades, presidida polo alcalde de Cuntis -Manuel Campos Velay-, e acompañado pola presidenta da plataforma, polos profesores Díaz-Fierros e Otero, polo concelleiro de Cultura e o representante da familia -Francisco García Fernández- tivo o mérito de atraer a un público do máis diverso: veciños de Cuntis e Caldas de Reis, antigos propietarios do Balneario Acuña, unha multitude de institucións, tres exdecanos da Facultade de Medicina -nomeadamente os profesores Juan Gestal, José María Fraga Bermúdez e Joaquín Potel-, unha ampla representación familiar, investigadores e escritores.

O alcalde anfitrión, Manuel Campos Velay, clausurou o acto cun alegato: "todas as augas termais son públicas".

Seguidamente, guiados polo técnico de turismo, os asistentes visitaron a Praza de Galicia, onde se explica a historia da burga Lume de Deus (construída en tempos do emperador Tiberio, 14 d.C. aproximadamente).

A homenaxe finalizou ao pé da burga da Rúa Real, ou do Baño Romano, onde Fernández Mariño descobre unhas instalacións balnearias da época clásica e manda construír unha fonte de auga quente pública en 1835. Nese lugar, descubriuse un fito pétreo no que se dá conta do labor médico de Fernández Mariño, así como a súa sensibilidade en conservar o acervo cultural cuntiense.

14 abr 2018 / 21:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito