El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

{ poesía }

Doce inéditos de Uxío Novoneyra

Gran Lugo de nebra, Uxío Novoneyra, Introdución de Pilar García Negro, Colección rescate, Alvarellos Editora, 2010, 137 páxs. 14 €

JOSÉ MIGUEL A. GIRÁLDEZ  | 02.12.2010 
A- A+

‘Gran Lugo de nebra’ amosa a devoción de Uxío pola cidade amurallada

QUEDAN TAN SÓ UNS DÍAS para que remate o ano dedicado ao gran poeta do Courel, Uxío Novoneyra, pero aínda é tempo para volver sobre a neve cara á súa casa, cara á súa poesía, cara ao seu latexo. Afeitos como estamos a que as novidades se acumulen ao redor da data do Día das letras galegas, este libro marabilloso, publicado agora pola editora Alvarellos na súa memorable Colección Rescate, vén traernos de novo ao poeta da terra e da brétema con toda a súa forza, con toda a súa enerxía creadora. Novoneyra: rescatado nunha colección dese mesmo nome coas primeiras neves. Memoria da neve do Courel, memoria das montañas azuis, ouro e azafrán, Uxío regresa na última esquina de decembro de 2010, con este volume, Gran Lugo de nebra, Antoloxía de versos e prosas, 1955-1999, no que a vella cidade é a gran protagonista. Parece que Novoneyra sempre quixo facer un libro dedicado a Lugo, exclusivamente, e, dalgunha forma, Alvarellos consegue agora achegar ao lector un volume no que latexa esa atmosfera sobre todas as cousas. Lugo, cidade conectada con iso que Pilar García Negro, na fonda introdución que asina, chama cidade "contempladora das primeiras mocidades do escritor". Descoñezo se aínda nos queda máis Novoneyra por coñecer, pero o certo é que en Gran Lugo de nebra atopámonos con obra dispersa e con textos non publicados até agora, o cal, desde logo, outorga gran valor a este libro que aquí estamos a analizar. Doce textos son inéditos, oito deles en prosa, como "Cani de Lugo", "Homenaxe final a Ánxel Fole en Lugo", "Adicarlle a vida ás letras", "Homenaxe a Pimentel", " O medio século de Lugo. ou "Recital do Instituto Lucus Augusti". Polo que se refire aos poemas inéditos, o primeiro deles, que dá título ao libro, é dunha beleza extrema: "Ás veces canta o Norde / unha pasión de lonxes...". Está datado en 1983, e os editores, como fan noutros casos, reproducen tamén o manuscrito orixinal. Unha nota anúncianos que, no reverso, Novoneyra fala do carácter mítico da cidade de Lugo, para poetas como Celso Emilio Ferreiro ou Ferrín, por exemplo. Novoneyra di que "iles escuramente saben que eiquí inda segue Galicia fortemente reconocible i enteira". A colección Rescate de Alvarellos tennos afeitos a xoias literarias, a recuperacións de textos perdidos ou esquecidos. Baixo a dirección de Olivia Rodríguez, a colección alcanzou un alto voo. E seguro que queda moito voo por diante. Esta homenaxe de Novoneyra a Lugo, é, se cabe, o remate perfecto para o ano no que lle foi dedicado, con toda xustiza, o Día das Letras galegas. A introdución de Pilar García Negro, profesora como Olivia Rodríguez da Universidade da Coruña, é moi completa e será moi útil para os que se acheguen á lectura deste libro. García Negro fala polo miúdo do diálogo do autor coa cidade, da ligazón con Ánxel Fole e Pimentel, da presenza do amor naqueles días. Mentres caen as primeiras neves do inverno, as pegadas de Uxio Novoneyra na vella cidade amurallada chégannos agora en forma dun libro emocionante.