Miércoles 19.06.2013
| Actualizado 20.26
Hemeroteca web
|
RSS
Este martes presentouse no Salón Teatro o libro e a película de 'Dúas Letras', unha historia ambientada nunha vila galega dos anos 50 que xira ao redor dunha nai que agarda novas e o retorno do seu fillo que emigrou xa fai moitos anos. Eloy Varela, o seu director, explicou en Radio Obradoiro que a curtametraxe "é unha homenaxe ás cartas da emigración". Segundo dixo, "é a historia dunha nai pero tamén dunha época, e sobre todo das persoas que se adicaban a escribir as cartas a aqueles que non sabían".
A escritora Fina Casalderrey é a autora do relato que deu orixe ao filme e tamén a súa guionista. En Radio Obradoiro dixo que "eu vivín algo semellante, eu era de nena quen lle escribía cartas de nena a unha veciña, ás veces facía trampa e non poñía o que me ditaba". 'Dúas Letras', ademais, está protagonizado polo home, a nai e outros membros da familia de Casalderrey. De feito, a interpretación da súa nai, Teresa Fraga, foi premiada no Festival de Cans e é un dos aspectos da película que máis destacan público e crítica. "Sorprendeunos a todos. Teresa da unha imaxe de nai e avoa perfecta. Ten xenio, tenrura e naturalidade e iso é o que se ve na película", explicou Varela.
Os responsables de 'Dúas Letras' celebraron o éxito que está tendo. "O público do Salón Teatro gozou coa película, a xente sorriu e emocionouse con ela, que é o que nós pretendemos". A historia, segundo explicaron "chega a xente que viviu a emigración máis de cerca pero tamén a aqueles máis novos que non viviron aquel tempo".
