El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

{ viaxe / lecer }

Fermosos tecidos da natureza

Máxico tear natural, Xosé Manuel Lobato, Alvarellos e Xunta de Galicia, 2010, 115 páxs, 14 €

JOSÉ MIGUEL GIRÁLDEZ  | 31.07.2011 
A- A+

NON É A PRIMEIRA VEZ que a editorial Alvarellos, sempre tan atenta ás cousas da nosa terra, ofrécenos unha visión profunda da paisaxe e da natureza dalgún lugar de Galicia. Agora, da man de Xosé Manuel Lobato, (Lestedo, 1958), atravesamos algunhas sendas e algunhas rutas envolvidos nun aire lírico, nun feixe de hermosísimas palabras. Máxico tear natural (un título tan curioso como acertado) fala do fermoso tecido da natureza que nos rodea. É un libro breve, pero tan intenso, que o lector advertirá desde o principio a conexión coa terra, a presenza dunha mirada panteísta, a caricia dunha linguaxe sen ningunha dúbida sanador, case liturgico, pois o libro semella un himno antigo, unha oración profana, un canto da tribo. Máxico tear natural consta de vinte e tres breves relatos sobre outros tantos escenarios de Galicia. Non se trata, xa que logo, de longas descricións, senón de apertadas miradas a rutas concretas, a carreiros que se bifurcan ou que nos levan a impensables marabillas. En poucas páxinas, Xosé Manuel Lobato consegue construír un dos textos sobre a nosa xeografía máis fermosos que coñezo. Tanto, que recomendoo aos que anden polos nosos camiños, que o leven no seu peto, como levaban os breviarios nas peregrinacións medievais. E que lean, unha vez alcanzado o lugar, o breve capítulo que o autor lle dedica. Será como un fume aromático, como unha feitizería, como un acto íntimo de protección e comuñón co útero vexetal ao que pertencemos. 23 rutas que van desde a punta Cabicastro, en terras de Sanxenxo, até o río Selmo, no territorio do Courel. No medio, un fervedoiro de fermosas palabras sobre Carboeiro, sobre Samos, Fisterra, o Eume, o Castelo de Pambre, o Pico Sacro (tan caro para o autor), o Támega, a Pena da Moa, a Illa de San Simón, a serra da Capelada... Un libro verdadeiramente máxico.